A Xunta apela á responsabilidade na Semana Santa: "hai que ter sentidiño"

Recoñece o "complicado" de controlar que non haxa reunións en casas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, apelou á responsabilidade individual dos galegos á hora de cumprir as medidas sanitarias impostas desde as administracións para evitar unha cuarta onda da pandemia, entre as que destaca durante esta semana Santa a prohibición de celebrar reunións de non convivientes en domicilios.

Unha medida que, segundo recoñeceu o número 'dous' do Goberno galego este mércores a preguntas dos medios na inauguración dunha exposición en Santiago, é "complicada" de controlar desde as autoridades, polo que cre que a poboación debe facer un esforzo de "responsabilidade individual" para evitar reunirse con familiares e amigos durante estas xornadas festivas.

"Aínda que sexa duro, nestes momentos todos temos que ter claro que non pode ser", sinalou Rueda, que incidiu en que a cidadanía galega debe entender que "é mellor reservarse" porque o risco dunha cuarta onda da pandemia é real. "Que ninguén pense que isto xa pasou. O virus segue entre nós", dixo.

O vicepresidente autonómico presidirá este mércores unha nova reunión do órgano de coordinación das forzas de seguridade e emerxencias de Galicia -coñecido como o Sacop--, onde se abordará a articulación dos dispositivos de control para o arranque da Semana Santa.

Unhas datas festivas que, segundo Rueda, teñen que celebrarse co "sentidiño" como "principal arma, ademais das vacinas, para loitar contra o covid" e co control das medidas sanitarias por parte das forzas da orde. Deste xeito, o operativo de Semana Santa centrarase nas "zonas de maior incidencia" nas que se prevé maior número de desprazamentos dentro do territorio galego, ademais de incidir no control do peche da comunidade autónoma, vixente desde finais da pasada semana.

Así mesmo, tamén subliñou a importancia de velar polo seguimento de "todas as medidas" sanitarias como o uso de máscara ou as regras impostas para os negocios da hostalaría.

Varias persoas na terraza dun restaurante durante o primeiro día da apertura parcial da hostalaría en Vigo
Varias persoas na terraza dun restaurante durante o primeiro día da apertura parcial da hostalaría en Vigo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta