O PP lánzase á batalla contra Yolanda Díaz: "é galega non practicante"

O secretario xeral dos 'populares' de Galicia acúsaa de "non exercer como galega" senón como "militante do seu propio partido".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2021 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

O PPdeG criticou a actitude do Goberno central ante os problemas do sector industrial e naval nas comarcas das Pontes e de Ferrol, ademais da situación que padecen tanto Ence como o sector do mar debido á Lei de Cambio Climático.

Neste sentido consideraron que a presenza no Goberno de representantes políticos como Nadia Calviño ou Yolanda Díaz, nacidas en Galicia, evidencia que son ministras "galegas non practicantes" e que "non exercen como galegas", senón como "militantes do seu propio partido".

"Ata o día de hoxe para a cidade de Ferrol, na que nacemos tanto ela como eu, o feito de que Galicia contase cunha ministra galega non lle foi útil ata o momento", trasladou en rolda de prensa o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ante uns estaleiros "sen carga de traballo" a pesar de que unha decisión no Consello de Ministros "resolvería de forma inmediata este problema".

"Oxalá a situación cambie", engadiu, para denunciar o contexto "tremendamente dramático" que vive a cidade departamental con 700 traballadores que "colgan o mergullador" estas semanas sen noticias da construción das F-110, fragatas que contaban con orzamento nas contas de 2018 e que non foi executado nin ese ano, nin en 2019, nin en 2020, exercicios "nos que a señora Díaz xa era ministra".

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, durante a rolda de prensa. PPDEG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, durante a rolda de prensa. PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ixtlán

E servile a Galicia de algo ter a M. Rajoy como Ministro e Presidente do goberno durante múltiples lexislaturas? Se cadra á cidade de Pontevedra? A amnesia extrema e o cinismo supino pretende esquece-lo que é inesquecible. Un pouco de coherencia nas palabras, Sr. Tellado!