O PSdeG critica a fusión de municipios da Xunta e alerta de que perden poboación

Os socialistas reprobaron que parte dos fondos que a Xunta destina aos municipios se adxudican "a dedo" mediante convenios de colaboración que, ao seu xuízo, benefician a aqueles gobernados polo PP.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2021 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, puxo en valor a captación de fondos por parte dos municipios fusionados na comunidade, Cerdedo-Cotobade e Oza-Cesuras, mentres a deputada do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo cuestionou a "eficacia" do modelo aplicado tras alertar da perda de poboación neles e da súa "sobrefinanciación" fronte a outros concellos con "falta de recursos".

En resposta a unha pregunta oral do PSdeG no marco da Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia, Prieto avanzou que a Xunta manterá a súa aposta polas fórmulas asociativas para a prestación de servizos en municipios e a fusión voluntaria destes, que pode representar un "modelo de aforro eficaz" e contribuír a "evitar a perda de poboación". Así, sinalou que, desde 2016, Cerdedo-Cotobade e Oza-Cesuras recibiron fondos especiais de fusión recollidos nos orzamentos da Xunta por valor de 10,5 millóns de euros.

Pola súa banda, Rodríguez Rumbo reprobou que parte dos fondos que a Xunta destina aos municipios se adxudiquen "a dedo" mediante convenios de colaboración que, ao seu xuízo, benefician a aqueles gobernados polo PP, mentres o importe destinado ao fondo de cooperación local non se incrementou.

Ademais, asegurou que o PSdeG non se opón á fusión de municipios, pero cuestionou o modelo aplicado, xa que Oza e Cesuras sumaban en 2020 239 habitantes menos que en 2013, cando optaron por fusionarse, e a poboación de Cerdedo e Cotobade decreceu en 374 persoas entre 2016, cando se uniron, e 2020. Rumbo tamén cuestionou a "eficacia" do modelo, que leva que os concellos fusionados dispoñan dunha "sobrefinanciación", mentres o resto afronta unha "falta de recursos".

Casa do Concello de Cerdedo
Casa do Concello de Cerdedo | Fonte: berenguela.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta