A petición dunha canle Xabarín Club 24 horas xa suma 30.000 sinaturas

Esta campaña rematará a súa andaina no Parlamento de Galicia nos próximos meses.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2021 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) pechou este mércores a campaña de recollida de firmas en Pontevedra en apoio dunha iniciativa popular para reclamar unha canle da televisión pública de Galicia que emita as 24 horas o programa Xabarín Club, para ampliar os contidos de carácter infantil e xuvenil en lingua galega e favorecer a aprendizaxe e normalizar o uso deste idioma entre a poboación máis nova.

Sabela Bará, profesora de Lingua Galega e representante da MNL, lamentou este mércores que o galego sexa a única lingua oficial do Estado español que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil. O resultado disto é que só o 4,6% da programación infantil semanal está en galego, caendo ao 2,7% no fin de semana, segundo A Mesa pola Normalización lingüística.

Esta campaña comezou hai un ano e está a piques de finalizar, recollendo estes días as últimas firmas para a súa posterior presentación no Parlamento de Galicia. Segundo Bará, a iniciativa está a ter boa acollida e levan ata o momento sobre 30.000 firmas recollidas.

Ademais, a iniciativa reclama, entre outras peticións, ao Goberno español que RTVE emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego na programación de Clan, a canle específica da RTVE para público infantil e xuvenil. Igualmente pide que a Xunta de Galicia chegue a acordos con outras administracións e empresas (TVE, Movistar, Netflix, HBO, entre outras) co fin de garantir a opción dobrada e subtitulada ao galego en todas as plataformas dixitais de televisión.

E que realice as accións necesarias para a recepción mutua da Radio Televisión de Portugal e a CRTVG en Galicia e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Segundo A Mesa pola Normalización Lingüística aínda segue aberto o prazo para poder asinar, e pódese facer nos establecementos e asociacións que colaboran coa campaña, ou contactando coa entidade a través do seu correo electrónico: xabarintv@amesa.gal, ou no teléfono de contacto: 981 563 885.

Xabarín club
Xabarín club | Fonte: CRTVG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta