Así ven a Semana Santa os movementos laicos: pouca fe e moitos intereses

A pandemia da COVID deixou sen procesións de Semana Santa a localidades como Ferrol e Viveiro, as dúas máis sinaladas nestas datas en Galicia. Isto trae o decaemento de ingresos en sectores económicos como hostalaría e todo o relacionado co turismo. Pero para os movementos laicos, a economía arredor destas datas mostra como a engaranaxe da Igrexa funciona grazas ao apoio das institucións públicas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 01/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Semana Santa é un piar básico dentro do calendario litúrxico na Igrexa Católica e tamén o foi e segue sendo dentro do calendario laboral e de descanso dentro do Estado. O seu enraizamento é moi profundo na sociedade e tanto ten ser laico como crente, as datas que celebran a morte e resurreción de Xesucristo supoñen, ademais dun momento relixioso, unha paréntese económica para o turismo antes do verán. As asociacións laicas critican a utilización como atractivo turístico das procesións e os ritos que as acompañan, como unha vía de ingresos para a industria do ocio e tamén da propia Igrexa.

Procesión da Resurrección en Ferrol. XUNTA DE CONFRARÍAS DE SEMANA SANTA - Arquivo
Procesión da Resurrección en Ferrol. XUNTA DE CONFRARÍAS DE SEMANA SANTA - Arquivo

PEGADA NA SOCIEDADE

“Un acto relixioso con tanto peso cultural, social e económico só quere dicir que a Igrexa e a vida pública están intrincadas” din desde Galicia Laica. Isto demostra a forte unión entre as estruturas públicas e a Igrexa mediante o simbólico e o económico segundo esta asociación. A interpretación para eles é que grazas ao apoio do Estado, a Igrexa católica en España converte os seus ritos en actos cun alto arraigamento cultural e social. Este arraigamento é un paso necesario para que actos como as procesións sexa declaradas de interese turístico nacional.

O apoio institucional converte as manifestacións relixiosas de Semana Santa en referentes que os converten en “elementos necesarios pola vía económica, algo perverso”. O diñeiro mobilizado acaba repartido entre Estado, concellos, autonomías e Igrexa. Esta última ten neste reparto a “mellor maneira de sobreviviren” á parte do diñeiro que reciben directamente das institucións como por exemplo nas declaracións de impostos.

Realmente con estas celebracións confunden ás persoas pois mesturan contidos relixiosos con manifestacións culturais” sinalan de Galicia Laica que fan a mesma deducción co Nadal. “A Cabalgata de Reis Magos é unha maneira de ter enganchados aos nenos, porque tensionan a ilusión do neno” para achegarse a unha manifestación que no fondo é relixiosa. Mais cuestionar este tipo de manifestacións sociais “pode ter falta de comprensión” por parte dalgúns sectores.

E todo isto a pesar de que “a sociedade española está secularizada desde o aspecto da práctica diaria da fe” porque “a gran maioría non é practicante e moitas persoas que din ser relixiosas viven de maneira pasiva a súa fe, nin son practicantes nin seguen a praxe relixiosa”.

Procesión Semana Santa. Recurso. EUROPA PRESS - Arquivo
Procesión Semana Santa. Recurso. EUROPA PRESS - Arquivo

ECONOMÍA, RELIXIÓN, POLÍTICA E SOCIALIZACIÓN

Como se pode explicar esta unión entre o relixioso e o interese económico sen que se cuestione por parte da maioría? “É como unha roda, quen ten un restaurante ou un hotel vai apoiar a celebración da Semana Santa e esa persoa e o seu entorno, mesmo poden votar por un partido que manteñan os privilexios eclesiásticos”. O resultado é a creación dunha masa social favorable ao estamento relixioso católico que ve reforzado o seu papel dentro do conxunto da poboación. “É o mesmo que lle redunda á Igrexa ter o monopolio de servizos sociais, lugares onde exercer a caridade, a sociedade mira a igrexa como benefactora”.

A declaración de interese turístico, como xa se apuntou, aporta cartos, é algo máis directo. “Gaño cartos, por tanto apoio a Semana Santa e que se difunda polos medios, apoio as subvencións e apoio a creación de infraestruturas para esta celebración”. Hai por tanto un retorno dentro desta relación que, de buscar a súa ruptura sería moi difícil.

Con todo, cómpre non esquecer que este tipo de celebracións tiveron, e teñen, a súa parte de cohesión social e socialización. O mesmo que acontecía despois da misa dominical, cando os homes ían á taberna e as mulleres era o único día da semana que podían socializar. E aínda que a asistencia aos actos relixiosos dominicais son menores, a asistencia de xente nova aos actos de Semana Santa como partícipes en procesións e outros ritos, non deixa de chamar a atención.

“Quizais estea detrás a atracción do encontro social, a participación na celebración posterior, como nas romarías, despois viña a festa, o feito relixioso non tiña tanta transcendencia”. Esa socialización en tempos de recollemento espiritual confirma este último comentario, pois as xuntanzas de xente nova non observan, a maioría das veces, os preceptos duns días de carácter moi relixioso. “Se van ás procesións é porque hai diversión e reunión ademais que custa desfacerse das tradicións”.

Os movementos laicos observan unha conexión moi forte entre os intereses industriais e económicos e os sete días que rememoran as últimas xornadas de Cristo antes de ser crucificado. A creación artística arredor destas datas, con elementos figurativos de gande valor artístico nalgúns casos e a devoción popular, crean o contexto necesario para outorgarlle á Semana Santa un selo de interese turístico do que se benefician intereses relixiosos, políticos, sociais e económicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Riuriu

¿Cuánto dinero público recibe a base de subvenciones la organización llamada Galicia Laica? ¿O es la sucursal de algún partido o sindicato?

1 Pecador

el dinero lo aportan unica y exclusivamente los socios