Rescatados dous menores atrapados nunha cala en Fene ao subir a marea

O Pesca I tivo que rescatar a unha muller que sufriu unha indisposición nunha zona montañosa de Carballeda de Valdeorras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2021 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

Os servizos de emerxencia rescataron a pasada tarde a dous menores que quedaron atrapados nunha cala en Fene  ao subir a marea, nas proximidades da praia de Almeiras, segundo informa o 112 no seu parte de incidencias.

O rescate estivo a cargo de efectivos do GES de Mugardos, que empregaron unha piragua para chegar ata o lugar onde se atopaban os dous menores e leváronos, sans e salvos, ata a praia. Foi un dos mozos atrapados quen contactou co 112 Galicia para alertar da súa situación ao fío das 18,15 horas.

Desde o 112, solicitouse a intervención da Policía Local, dos Bombeiros de Ferrol, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e do GES de Mugardos. Ademais, informouse o suceso a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

RESCATE DUNHA MULLER

Por outra banda, o helicóptero Pesca I, do Servizo de Gardacostas de Galicia, rescatou durante a pasada tarde a unha muller que sufriu unha indisposición nunha zona montañosa de Carballeda de Valdeorras, concretamente na parroquia de Casaio.

A complicada situación na que se atopaba a muller impedía o seu traslado nos medios sanitarios desprazados, entre eles un helicóptero medicalizado, polo que foi necesario que o Servizo de Gardacostas mobilizase ao Pesca I para evacuala a un centro hospitalario.

Os feitos sucederon preto das 18,30 horas na ruta de sendeirismo de Xil Vello. Nese momento, o 112 Galicia recibiu a alerta deste suceso a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. A partir de aí, pasouse o aviso á Garda Civil, ao GES de Valdeorras, aos Bombeiros de Valdeorras e aos Servizos de Gardacostas de Galicia.

PERSOA ATRAPADA NUN TRACTOR

Ademais, os servizos de emerxencia empregaron o material de excarceración para liberar a unha persoa cunha perna atrapada debaixo dun tractor. Ocorreu a pasada tarde na parroquia de San Pedro de Batalláns, no concello pontevedrés das Neves.

Helicóptero 'Pesca II' de Gardacostas de Galicia.. SALVAMENTO MARÍTIMO - Arquivo
Helicóptero 'Pesca II' de Gardacostas de Galicia.. SALVAMENTO MARÍTIMO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta