Cazan a uns furtivos con 41 quilos de polbo en Camariñas

Os denunciados contaban mesmo cunha furgoneta isotérmica aparcada ao carón do mar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2021 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil interveu na mañá do pasado venres no concello coruñés de Camariñas un total de 41 quilos de polbo que non pasaran pola lonxa. Segundo informa o Instituto Armado nun comunicado, os axentes do Seprona con base en Corcubión montaron un dispositivo para confirmar as informacións das que tiñan constancia, relativas a descargas irregulares de polbo.

Así, o venres observaron como unha embarcación se aproximou ao porto de Camariñas e unha furgoneta isotérmica esperaba na rampla do pantalán coas portas traseiras abertas. Ao chegar ao lugar, o buque descargou un capacho no vehículo, que seguidamente partiu cara á localidade.

Con todo, os axentes do Seprona lograron interceptar a furgoneta á saída do recinto portuario e, tras inspeccionar o seu interior e comprobar que transportaba polbo, solicitaron a documentación que demostrase a legalidade da mercadoría. Como a condutora non presentou ningunha acreditación, os axentes procederon ao comiso das capturas, segundo relata a Garda Civil.

Ademais, os cefalópodos aínda se atopaban vivos e algúns pesaban menos dun quilo --mínimo permitido para a súa captura--, polo que foron devoltos ao mar na costa camariñesa. Por mor destes feitos, a Garda Civil formulou denuncias tanto á transportista como ao patrón da embarcación, que foron enviadas á delegación provincial da Consellería do Mar da Xunta.

Polbo intervido en Camariñas (A Coruña) polo Seprona.. GARDA CIVIL
Polbo intervido en Camariñas (A Coruña) polo Seprona.. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta