Convocados os Premios Artesanía de Galicia 2021 para apoiar ao sector e recoñecer o talento dos artesáns galegos

O premio está dotado con 9.000 euros, e vai dirixido a talleres artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2021 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2021, cos que a Xunta busca recoñecer o talento e a traxectoria dos artesáns galegos, así como de impulsar o relevo xeracional no sector.

Segundo informou a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía nun comunicado, como en anos anteriores, dividiranse nas categorías Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Xesto.

O departamento que dirixe Francisco Conde sinalou que estes galardóns contribúen a divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover o relevo xeracional e apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto desde o 15 ata o 29 de outubro deste ano.

En concreto, o Premio Artesanía de Galicia, dotado con 9.000 euros, está dirixido a talleres artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra.

Pola súa banda, o Premio Traxectoria ten carácter honorífico e trátase dun galardón outorgado polo propio sector para recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no campo da nosa artesanía.

Está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. As candidaturas poderanas presentar talleres rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou persoais.

A Xunta destacou que os Premios Artesanía de Galicia fan especial fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada co Premio Bolsa Eloy Xesto, que está dotado con 4.000 euros para investir nun centro de formación de prestixio.

Imaxe de Alma da Artesanía
Imaxe de Alma da Artesanía

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta