O universo de Xela Arias desembarca en Verín

A Biblioteca do Concello de Verín dará a coñecer á protagonista das LL.GG. deste ano da man de Víctor F. Freixanes (Presidente da Real Academia Galega) e Montse Pena Presas, (Profesa da USC, crítica literaria, escritora e biógrafa de Xela Arias) a través dunha videoconferencia.

Por X.M. Fernández | Verín | 06/04/2021 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

Con este evento, que terá lugar o 7 de abril ás 11:30 h. -pero que estará dispoñible despois na canle de youtube- a Biblioteca Municipal de Verín únese a serie de recoñecementos que se lle brindarán á autora sarriana durante o presente ano, no que a Real Academia Galega acordou que Xela Arias será a persoa homenaxeada nas Letras Galegas de 2021. 

Biblioteca Municipal de Verín. Foto: XMF
Biblioteca Municipal de Verín. Foto: XMF

Xela Arias (Sarria, 1962 - Vigo, 2003), está considerada unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea pero que tamén tivo carreira como profesora, editora e tradutora de clásicos.

As intervencións que terán lugar na videoconferencia temática serán as seguintes:

1º Breve introdución sobre as mulleres na RAG a cargo de Víctor F. Freixanes.

Montse Penas presentará o seu traballo: Intempestiva. Biografía (literaria) de Xela Arias, Editorial Galaxia.

Rigoroso estudo da poeta de Sarria a cargo dunha das analistas literarias máis importantes do noso país, que percorre a vida e a obra de Xela Arias dende o seu nacemento en Sarria ata o derradeiro dos seus días. Unha vida e unha obra marcadas pola heterodoxia dunha muller que non desexaba ser categorizada en correntes ou escolas de ningún tipo. Como é habitual na obra de Montse Pena Presas, o libro está escrito cunha prosa achegada á narrativa, lonxe de formalismos académicos, algo que, sen dúbida, tamén sería moi do agrado da propia poeta estudada. Capítulos como Máis rock and roll e menos poesía ou Como regra vital, a independencia, marcan o ton intempestivo, coma o título, que a autora soubo darlle a esta biografía, literaria e vital, da autora homenaxeada nas Letras Galegas deste 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Moi bennnn