UGT e CC.OO. piden manter os ERTE e a CIG avisa de "despedimentos masivos" se se mantén a reforma laboral

A central maioritaria difire das organizacións de ámbito estatal ao ver "inutilidade" no diálogo social.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/04/2021 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

UGT e CC.OO. reclaman o mantemento dos expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE) á luz dos datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de marzo, mentres que a CIG advirte do "perigo de que se transformen en despedimentos masivos" se non se derroga a reforma laboral "dunha vez por todas".

Local pechado en Santiago de Compostela.
Local pechado en Santiago de Compostela.

Con todo, UGT tamén avoga por derrogar a reforma laboral "de 2012, polos seus efectos lesivos sobre os traballadores", e aposta por negociar "un novo marco regulatorio que estableza unhas condicións máis favorables para o empregado".

Ao seu xuízo, "hai que manter os ERTE mentres o emprego o requira" e ao mesmo tempo demanda "acelerar" a vacinación "para recuperar plenamente a actividade".

Pola súa banda, CC.OO. sinala os expedientes temporais como "garantía de mantemento de emprego acordado entre os axentes sociais e o Goberno central".

Mentres, a central nacionalista critica a "inutilidade" do diálogo social e denuncia que "malia o tempo transcorrido, o Goberno do Estado segue sen cumprir o seu compromiso de terminar con esta lexislación laboral inxusta". "Só a mobilización poderá reverter esta situación", opina.

"SEN CONTROL"

A contratación de Semana Santa "non consegue nin achegar o emprego a febreiro de 2020", último mes antes do confinamento e, neste escenario, o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle, avisa que a actual lexislación "permite ás empresas recorrer a ERE e ERTE sen control administrativo algún e ata modificar de forma substancial as condicións laborais, deteriorando aínda máis as condicións de vida da clase traballadora".

Outro punto de vista achega UGT, que, por unha banda, alerta sobre que a pandemia "se ceba máis coas mulleres" e, por outro, opina que as medidas restritivas "deben continuar ata alcanzar a inmunidade colectiva".

"Evitar unha cuarta onda de contaxios, que induza a novas paralizacións da actividade e someta a máis tensión á economía, é clave se se pretende que a tempada de verán sexa un éxito, esencial para a economía", indica.

Para iso, ve "imprescindible acompañar nestas dificultades aos fogares e ás empresas que están en peores situacións, reforzando e ampliando as vías de axuda existentes". Ante o "maior risco" de paro de longa duración, subliña como "necesario" acelerar a reforma das políticas activas de emprego.

En canto a CC.OO., chama a atención sobre que a "tímida" recuperación do emprego "se constrúe sobre a precariedade laboral" e a súa secretaria de Emprego, Maica Bouza, constata unha mellora "puramente conxuntural".

Por iso, urxe unha "acción decidida do Gobeirno galego para tornala en estrutural, de forma que cara ao verán se poida ver unha tendencia positiva na actividade e no emprego".

Entre outras cuestións, solicita que se cumpra o plan de vacinación e apoiar os sectores produtivos "máis aló dos directamente afectados pola pandemia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta