O CSIC seguirá estudando os cultivos galegos coa colaboración da Deputación de Pontevedra

O acordo permitirá seguir cos traballos desenvolvidos pola centeneria Misión Biolóxica de Galicia.

Por E.P. | Pontevedra | 06/04/2021 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra renovou o seu convenio co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) para continuar co estudo sobre a diversidade dos cultivos galegos, un traballo que desenvolve a centenaria Misión Biolóxica de Galicia e á que achega 50.000 euros o ente provincial.

A Deputación de Pontevedra e o CSIC asinan o convenio para seguir estudando a biodiversidade de variedades locais de cultivo galego
A Deputación de Pontevedra e o CSIC asinan o convenio para seguir estudando a biodiversidade de variedades locais de cultivo galego | Fonte: Deputación de Pontevedra.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva foi a encargada de asinar este martes a prolongación do convenio coa Misión Biolóxica, que acaba de cumprir cen anos, gran parte deles asentada nunha propiedade do goberno provinical.

No acto, no que a presidentea estivo acompañada pola directora da Misión Biolóxica, Elena Cartea, Silva destacou que o traballo desta entidade, "unha referencia na ciencia", outorga "un valor global a todas as persoas" que habitan na provincia de Pontevedra.

Carmela Silva tamén se mostrou orgullosa de que dúas mulleres se atopen nos postos directivos de ambos os organismos. "Nótase moito cando hai mulleres dirixindo porque o fan desde a posición que as mulleres temos no mundo", engadiu.

O convenio promove o aproveitamento e a diversificación de novos usos e formas de cultivo. En 2020 asinouse a primeira parte deste acordo para impulsar un estudo sobre os produtos tradicionais locais da provincia e agora continuarase coa actualización da xestión das coleccións vexetais.

Así, o obxectivo é avanzar na identificación de variedades con características especiais e con valor engadido como o millo, as brásicas, os feixóns, as oliveiras e a vide. Todo isto farase a través de avaliacións no campo e en invernadoiro.

Ademais, para chegar ao conxunto da sociedade, está previsto que se elaboren materiais de divulgación que poñan en valor a importancia das coleccións vexetais da Misión Biolóxica de Galicia. No marco deste acordo tamén se contratará a unha persoa titulada superior durante once meses a tempo completo.

Para Elena Cartea, o traballo que realiza a Misión no marco deste convenio "é inxente por todas as coleccións vexetais" que manexa, polo que agradeceu o apoio da deputación.

"Sérvenos de gran axuda porque queremos que todas elas estean a disposición non soamente de empresas, cooperativas, agricultores e agricultoras, senón de toda a sociedade", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta