Marea Atlántica pide unha resposta de Xunta e Concello da Coruña polas "dúbidas" na autoría dunhas obras de Seoane

Por E.P. | A Coruña | 06/04/2021 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

Marea Atlántica esixiu ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, unha resposta "conxunta e contundente" en relación coas "dúbidas" ao redor da autoría dunhas obras do artista Luís Seoane expostas en xaneiro do ano pasado nunha mostra en Lalín.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na presentación do mural de Luís Seoane na Cidade da Cultura
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na presentación do mural de Luís Seoane na Cidade da Cultura | Fonte: Xunta.

Ante a convocatoria este mércores dunha reunión extraordinaria do padroado da Fundación e en relación á exposición 'Creacións máxicas de medidas exactas. Maruja Mallo e Luís Seoane en Buenos Aires (1936-1965)' --organizada polo Concello de Lalín co apoio da Xunta--, piden a retirada preventiva do catálogo da mostra tras porse "en cuestión en varios informes 18 obras de Seoane e 17 de Mallo".

Ademais, reclama "un estudo cualificado e exhaustivo das pezas postas en dúbida". O viceportavoz da Marea Atlántica e membro do padroado da Fundación Seoane, Iago Martínez, denuncia que o informe que cuestiona a autoría das obras de Seoane "foi elaborado por profesionais da propia fundación no veraán pasado, pero ocultouse na xunta do padroado celebrada en novembro".

Pola contra, fontes do goberno local coruñés, que precisaron que nin o concello nin a fundación participaron na citada mostra, aseguraron que xa se tratou en "varias" reunións.

Por outra banda, desde Marea Atlántica instan ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a participar na reunión deste mércores. "Avalou a mostra de Lalín e participou no seu catálogo, polo que agora debe dar a cara e asumir a súa dobre responsabilidade, como representante da Xunta de Galicia e como parte da Fundación Seoane", sinala.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta