Temas: FRASEOLOXíA

“Can que (moito) ladra non traba” equivalentes, entre outras moitas, á castelá “perro ladrador, poco mordedor” (1ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 11/04/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naquelas situacións en que queremos dar a entender que alguén que anda a miúdo a ameazar ou a soltar bravatas é moi probable que á hora da verdade non cumpra con elas (ou, por extensión deste significado orixinal, cando desexamos manifestar que unha persoa que anda a fachendear de facer moito, ou moi ben, algunha cousa, está en realidade a disimular o feito de que en verdade a fai máis ben pouco, ou bastante mal), moita xente galegofalante adoita botar man, ó dereito, da paremia castelá perro ladrador, poco mordedor.

Unha persoa pasea a tres cans polas rúas da capital en plena pandemia do coronavirus onde con máis de 1,2 millóns de casos rexistrados no mundo en persoas, a infección só confirmouse en dous cans, un ou dous gatos e unha tigresa.. Marta Fernández Xara - Europa Press
Unha persoa pasea a tres cans polas rúas da capital en plena pandemia do coronavirus onde con máis de 1,2 millóns de casos rexistrados no mundo en persoas, a infección só confirmouse en dous cans, un ou dous gatos e unha tigresa.. Marta Fernández Xara - Europa Press

E o certo é que non será pola cantidade de paremias de que dispomos na nosa lingua para dar conta deses mesmos contidos, como imos ver deseguido (de feito, é tal o número que imos dividir este artigo en dúas entregas, a fin de facer máis doada a súa asimilación por parte do lector).

Perro ladrador, poco mordedor

{= 1. Refrán co que se dá a entender que as persoas que andan seguido ameazando, lanzando bravatas ou botando por ela, á hora da verdade non acostuman cumprir a ameaza, a bravata ou a farfantonada (e tamén co cal, en consecuencia, moitas veces se deduce que se hai que velar máis daquelas persoas que non ameazan nin fanfurriñan ou borrean ca daqueloutras que si o fan, xa que á hora da verdade as primeiras adoitan ser máis perigosas ca estas últimas). 2. Por extensión, tamén expresa que aquelas persoas que adoitan fachendear de facer moito, ou moi ben, algunha cousa, están en realidade a disimular o feito de que en verdade a fan máis ben pouco, ou bastante mal.}

Can que (moito) ladra non traba

(O) Can que ladra non morde

Can ladrador non é mordedor

Can ladrador nunca foi trabador

Can que moita ladra pouco traba # pouco morde

(O) Can que ladra non é o que morde

Ex.: ¡Bueno, hombre!: el tío, que si iba a mandar cartas a los medios de comunicación, que si iba a ir junto al director y ponerle las peras a cuarto, que si iba a ir por la vía judicial... pero al final, nada de nada. Ya se sabe: perro ladrador, poco mordedor.

¡Bueno, home!: o tipo, que se ía mandar cartas ós medios de comunicación, que se ía ir xunta o director e poñelo de cu á cota, que se ía ir pola vía xudicial... pero, ó cabo, nada de nada. Xa se sabe: can que (moito) ladra non traba (o) can que ladra non morde can ladrador non é mordedor can ladrador nunca foi trabador can que moito ladra pouco traba (o) can que ladra non é o que morde.

● Tamén:

Perro ladrador, nunca buen mordedor

Can (moi) ladrador, pouco mordedor && Can ladrador, non mordedor && Can ladrador, mal mordedor && O can máis ladrador non é o máis mordedor # non é o que máis morde && (O) Can moi ladrador non é o máis mordedor # non é o que morde # non é o que máis morde && Can que moito ladra non é o que máis traba && O can que máis ladra non é o que máis traba # non é o que máis morde && O can que moito ladra non é o que máis morde && O can ladrador nunca foi o máis mordedor && O can moi ladrador nin por iso é (o) máis trabador && O can ladrador nin por iso é máis mordedor && O can máis ladrador, nin por iso máis trabador && O can (máis) ladrador non é o máis roedor

● E máis tamén:

Perro ladrador, poco mordedor y mal cazador

Can que ladra, nin morde nin caza && Can ladrador, mal cazador

● E tamén, nesta mesma liña, aplicables basicamente en situacións relacionadas coa primeira “acepción”:

O can que moito ladra nunca mal pode facer && Mentres o can ladra, non morde && Can moi ladrador, nin por iso mellor

NOTAS:

1. Lembramos que cando nalgunha paremia ou expresión introducimos parénteses o que estamos a indicar é que ou secuencias que aparecen dentro delas poden formar parte ou non da dita expresión ou paremia. Así, con can que (moito) ladra non traba o que estamos a indicar é que en realidade hai dúas secuencias fraseolóxicas, ou dúas variantes dunha mesma secuencia fraseolóxica, se se prefire:

A) Can que ladra non traba.

B) Can que moito ladra non traba.

2. Relacionadas coas paremias reflectidas neste artigo, no sentido de que indican precisamente o contrario (ou sexa, que hai que ter conta coas persoas caladas que non borrean nin botan por ela), podemos tamén reflectir varias expresións:

Gárdate do can que non ladra e do home que non fala.

Gárdate do home quen non fala e do can que non ladra.

Can pouco ladrador é mordedor.

Gárdate do gato que non miaña.

Morde e non ladra.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús: “Refraneiro de Grou (Lobios) recollido por Bieito Fernandes do Palheiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 241-253. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar11.html

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar2.htm

- Luaces Pardo, Narciso: “Ditos e refráns recollidos na comarca do Ortegal”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 439-453. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Lugrís Freire, Manuel: Gramática do idioma galego (2ª edición, corrixida e aumentada). A Coruña, Imprenta Moret (Galera, 48), 1931.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aportazón ao refraneiro. Coleición de refrás recollidos da tradizón oral por Lois Carré (1898-1965)”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 129-141. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez, Lois: “Refranero gallego. Colección hecha por el P. Gumersindo Placer López”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 143-171. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- VV.AA.: Refráns e ditos da Ulla. Obra á que no seu día se accedeu na Rede, e que actualmente xa non se atopa dispoñible.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta