Estancadas as negociacións entre Alcoa e a SEPI para a venda da planta de Cervo

Segundo a CIG, ambas as partes están "enredadas" pola situación financeira do grupo GFG Alliance, ao que pertence Liberty, O secretario de Industria insta a Alcoa a "que se deixe de pór condicións" e "tire adiante" coa venda de Cervo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/04/2021 | Actualizada ás 19:51

Comparte esta noticia

As negociacións entre a multinacional estadounidense Alcoa e a sociedade estatal de participacións industriais (SEPI) para a venda da planta de aluminio de Cervo (Lugo) están estancadas a pouco máis de tres semanas de que remate o prazo establecido (o 30 de abril), segundo constataron este martes as partes convocadas polo Ministerio de Industria a unha reunión de seguimento sobre o proceso.

Protesta de traballadores de Alcoa
Protesta de traballadores de Alcoa | Fonte: Comité de empresa.

Por unha banda, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, sinala que o encontro concluíu "sen avances", polo que pide á empresa e ao Goberno central que "dean a máxima axilidade posible ás negociacións en curso para pechar canto antes un acordo de venda da planta de San Cibrao".

Na cita, telemática e á que non estaba convocada Alcoa, participaron os sindicatos e o comité de empresa, que declinou pronunciarse ata este mércores, despois de analizar o contido da reunión.

"Trasladamos ao Goberno a necesidade de dotar de axilidade este proceso de negociacións e de que haxa un compromiso de transparencia por parte de Alcoa e da SEPI para concretar un acordo de venda e trasladar certidumbre aos traballadores antes do 30 de abril", destaca a consellería que dirixe Conde.

Subliña que tanto Alcoa como a SEPI "teñen que pechar canto antes un acordo de compra-venda que certifique a viabilidade da planta de San Cibrao".

Neste contexto, Conde apelou "ao diálogo e o entendemento", e "a traballar de forma conxunta para que a operación de venda da planta da Mariña conclúa coa mellor das noticias".

A CIG

Pola súa banda, a CIG tamén demanda ao Executivo central "acelerar as negociacións" para que a fábrica de San Cibrao estea "en mans" da SEPI "antes de terminar o mes".

A central reclama aos gobernos "consumar feitos e realidades" para garantir a continuidade produtiva e dos empregos en San Cibrao.

Concreta a CIG que as partes están agora "enredadas" na situación financeira do grupo GFG Alliance, ao que pertence Liberty, a compañía interesada en facerse coa factoría.

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera "indispensable" que a fábrica de aluminio "quede baixo control da SEPI antes de terminar o prazo de negociacións", aínda que o comprador final "non sexa Liberty". "Só así se poderá abordar a procura dunha nova propiedade coa tranquilidade e seguridade de manter a produción e os empregos", advirte.

Nesta liña, Carril instou á SEPI a buscar "compradores alternativos", debido ás "dúbidas financeiras que xera nestes momentos GFG Alliance".

UN PROCESO FRUSTRADO

Durante 2020, o Goberno xa negociou con Alcoa para tratar de que frutificase unha operación de compra-venda relativa ás instalacións de Cervo que resultou frustrada.

Por entón, a multinacional tiña a intención de levar adiante un despedimento colectivo para máis de 500 traballadores que o comité e os sindicatos levaron á xustiza, que terminou por impedilo.

CRÍTICAS DO GOBERNO

Por outra banda, o secretario xeral de Industria e Peme, Raúl Blanco, insta a Alcoa a "que se deixe de pór condicións" e "tire adiante" coa venda da planta de aluminio de San Cibrao, en Cervo. En declaracións a Europa Press, subliña que "non hai un prazo legal vixente" para a operación --o do 30 de abril déronllo a empresa e o comité-- e apunta á existencia de "varios" interesados máis en facerse coa factoría no caso de que se materialice a compra por parte da SEPI (sociedade estatal de participacións industriais), que funcionaría como intermediaria.

Blanco sinalou a Liberty como o comprador prioritario ata hora, pero apelou á "prudencia" debido á situación financeira que atravesa. Con outros "houbo chamadas de interese pero aínda non houbo contactos firmes", apunta. Neste escenario, critica que a multinacional estadounidense siga "pondo condicións á venda tal e como sucedeu noutras ocasións", despois da operación errada durante o ano 2020.

Alcoa, segundo Blanco, solicita inmunidade para "negociar calquera venda da planta e iso son elementos que as administracións públicas non poden admitir".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta