O Parlamento galego censura por unanimidade á Comisión Europea por tratar os pescadores como "depredadores"

Tamén insta á Xunta a dirixirse ao Goberno de España para que "leve a cabo as actuacións oportunas de rexeitamento".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/04/2021 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia expresou este martes por unanimidade o seu rexeitamento á xestión da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca (DX Mare) da Comisión Europea, por considerar que trata aos mariñeiros como "depredadores ilegais" e pola súa "inxerencia impresentable" nas votacións sobre o regulamento de control pesqueiro na Eurocámara.

Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, do Parlamento de Galicia o 2 de marzo de 2021.
Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, do Parlamento de Galicia o 2 de marzo de 2021.

Na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Lexislativo galego, PPdeG, BNG e PSdeG votaron a prol dunha proposición non de lei dos populares para censurar que a Comisión "confabule" contra o sector. En concreto, refírense á nota explicativa que enviou a DX Mare --dependente do departamento de Medio Ambiente, Océanos e Pesca-- a algúns eurodeputados para "influír no seu voto" con respecto ás emendas que pretendían suavizar o polémico regulamento que establecía o diario electrónico, a xeolocalización e as cámaras a bordo das embarcacións.

A encargada de defender a iniciativa na Comisión 8ª foi a deputada do PP Teresa Egerique, quen lembrou a "indignación" que causou a nota na patronal europea co obxectivo "de alterar a votación", á vez que lamentou que de novo se poña o foco "no conflito entre os intereses ambientais e a pesca".

"Temos claro aquí, en Galicia, que os primeiros que queren ter ben o ámbito no que traballan son os propios pescadores", subliñou Egerique, quen tamén acusou á Comisión de "total falta de empatía" cara aos traballadores.

Por iso mesmo, a proposición non de lei que foi apoiada de maneira unánime tamén insta á Xunta a dirixirse ao Goberno de España para que "leve a cabo as actuacións oportunas de rexeitamento" á nota da DX Mare que "atenta contra a imaxe e o traballo do sector do mar".

Por parte da oposición, a deputada do BNG Rosana Pérez sumouse nas súas críticas a esta "artimaña deleznable" da Comisión Europea que "probablemente xa se produciu noutras ocasións" e que "demostra en que mans está o sector pesqueiro galego".

Iso si, a pesar do seu voto a favor da iniciativa do PPdeG, a nacionalista sinalou que esta nota da DX Mare non é "o problema principal", senón que o é "o propio regulamento de pesca aprobado recentemente polo Parlamento europeo".

Neste contexto, Pérez animou os populares a presentar unha iniciativa en rexeitamento a este texto. "Se non a presentan é porque o Partido Popular, agás dous ou tres aspectos específicos, está a favor do regulamento de pesca da Unión Europea", apostilou.

Pola súa banda, a socialista Patricia Otero cualificou de "deleznable" a actuación da Comisión Europea. Así, aínda que confirmou que o PSdeG apoiaría a iniciativa, lamentou que o PP trate de "meter medo" sobre o regulamento de control de pesca desde a Xunta mentres na Eurocámara vota a favor.

Así mesmo, Otero pediu aos nacionalistas que sexan "un pouco sinceros" e conten que o Grupo da Verdes/Alianza Libre Europea, no cal se integrará o BNG --por agora, non teñen deputado propio--, votou en contra do regulamento "por ser pouco restritivo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta