Os reitores rogan ao Goberno central que os profesores universitarios sexan vacinados como o resto de docentes

Remiten unha carta á ministra de Sanidade para exporlle a necesidade de que sexan vacinados como os mestres de Primaria e Secundaria.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 06/04/2021 | Actualizada ás 20:31

Comparte esta noticia

A Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (Crue) rogou por carta á ministra de Sanidade, Carolina Darias, que inclúa o persoal docente e investigador (PDI), así como o persoal de Administración e Servizos (PAS) das universidades na Estratexia nacional de vacinación.

Un viario coa vacina de AstraZeneca, nun dispositivo de vacinación masiva fronte ao Covid-19
Un viario coa vacina de AstraZeneca, nun dispositivo de vacinación masiva fronte ao Covid-19 | Fonte: Juan Manuel Serrano Arce - Europa Press.

Nunha carta remitida á ministra, os reitores insisten en que tanto profesores como demais persoal universitario sexan incluídos dentro dos grupos que están a recibir a vacina nestes primeiros meses do ano, é dicir, que sexan tidos en conta dentro do Grupo 6 nesta nova etapa de vacinación aprobada o pasado 30 de marzo.

"Do mesmo xeito que ocorre cos docentes de Primaria e Secundaria (Grupo 6c), aos que xa se está vacinando, os traballadores das universidades somos un colectivo en activo cunha función especial para a sociedade e desenvolvemos a nosa actividade con carácter presencial, polo menos unha parte da xornada", defende José Carlos Gómez Villamandos, presidente da Crue e reitor da Universidade de Córdoba, que asina a misiva.

Segundo expón na carta, "os riscos de morbilidade grave e mortalidade, de exposición, de impacto socioeconómico e de factibilidade da comunidade universitaria son moi similares aos que afrontan o resto de docentes do sistema educativo", que si están incluídos entre os colectivos prioritarios para recibir a vacina.

Villamandos lembra que ao longo deste curso 2020-2021, as universidades non só mantiveron a presencialidade nas prácticas e laboratorios, senón que a estenderon "sempre que foi posible ao resto das clases", iso si, "buscando minimizar o impacto da pandemia sobre o estudantado".

Ademais, advirte de que "nuns meses comezará a etapa de avaliación do curso", do mesmo xeito que a organización das probas de acceso á Universidade (a EBAU ou antiga Selectividade), que tal e como subliña, realizaranse de maneira presencial.

"Vacinar ás preto de 200.000 persoas que forman parte dos nosos persoais aumentaría aínda máis a seguridade nos campus e non implicaría un incremento significativo das doses previstas nesta nova etapa nin unha complicación loxística reseñable", destaca o presidente dos reitores.

"Rogámosche que, posto que a estratexia do Goberno está aberta a actualizacións, teñas en conta a situación que afrontan os nosos persoais de PDI e PAS, moi castigadas pola imposibilidade de rexuvenecer os seus efectivos tras anos de severos recortes, e pómonos a disposición do teu Departamento para manter unha reunión na que podamos trasladarvos con máis detalle a situación actual das universidades", conclúe Villamandos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta