Pontón pide a comparecencia de Feijóo para explicar as "aglomeracións" nas vacinacións masivas

"Son inaceptables as imaxes de aglomeracións", dixo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2021 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu a comparecencia no Parlamento galego a próxima semana do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para explicar a avalancha de persoas nas vacinacións masivas deste martes pasado, nas que "non se respectaron as distancias mínimas" nalgúns casos.

Nun acto en Lugo, Pontón afeou que "Galicia continúa á cola na vacinación das persoas maiores e en xeral na suministración de vacinas". "De feito, os datos publicados o martes, 6 de abril,colocan a Galicia á cola de todo o Estado no proceso de vacinación, nin sequera completouse a segunda dose nos maiores de 80 anos", sostivo.

Para a portavoz nacional do BNG isto evidencia que "algo está a fallar en Galicia", e, ao seu xuízo, "o máximo responsable é o presidente da Xunta que debería de dar a cara no Parlamento e comparecer a semana que vén para dar explicacións ante un asunto que é da máxima urxencia e que se tomen as medidas necesarias e que non se escatimen medios porque o proceso de vacinación debe de facerse rápido, dunha maneira eficaz e sen riscos para as persoas".

Pontón cualificou de "inaceptables esas imaxes que se viron onte (martes), de aglomeracións e colas interminables de persoas maiores esperando para poder recibir a vacina e que, en moitos casos, vemos que con estas colas non se cumprían coas mínimas distancias de seguridade, e que implicaban un risco claro para as persoas maiores que son un dos colectivos máis vulnerables".

"Houbo situacións onde se produciron tensións e conflitos entre persoas que están sometidas a unha situación de medo e de tensión e estas situacións teñen un responsable que é o goberno galego por non ser capaz de facer unha planificación e unha organización do proceso de vacinación", lamentou.

Seguidamente volveu a lamentar "como é posible que se teñan por centos de persoas maiores aglomeradas e sen cumprir as distancias de seguridade para ser vacinadas e co risco que isto supón, cando o que se debe de evitar é unha cuarta onda".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto en Lugo.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto en Lugo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta