A Xunta defende ante o Goberno central o seu modelo de uso das máscaras: si para deporte, non para tombarse ao sol

Feijóo afirma que están "vixentes" os principios que se deseñaron para Galicia e lembra que a lei estatal está "en parte sen efecto".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/04/2021 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

Galicia defende no grupo de traballo creado no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) o seu modelo de normativa para o uso de máscara en espazos exteriores, o cal foi obxecto de regulación nas diferentes ordes sanitarias e que agora sufriu unha colisión coa recente lei aprobada no Senado na que se establece, por exemplo, que para facer deporte como correr ao aire libre non é necesario este elemento de protección.

Dúas mulleres levan máscara na praia das Salseiras, a 3 de abril de 2021, no concello da Laracha, A Coruña
Dúas mulleres levan máscara na praia das Salseiras, a 3 de abril de 2021, no concello da Laracha, A Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Así as cousas, a Xunta defende a necesidade do uso da máscara para facer deporte ao aire nos mesmos termos que para as persoas que van camiñando pola rúa. Fronte a iso, considera que unha persoa tombada ao sol, sexa na praia ou lugar análogo, non necesita este elemento, pero si para pasear nese mesmo lugar.

Sobre esta cuestión pronunciáronse este mércores tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen na rolda de prensa posterior ao comité clínico incidiu en que a lei recentemente aprobada é "extemporánea".

Precisamente, este tema abórdase este mesmo mércores na orde do día do consello interterritorial, respecto do cal o Ministerio de Sanidade enviou un borrador ás comunidades. Aínda que o conselleiro non quixo desvelar o seu contido, xa transcendeu que proporá non obrigar á poboación a usar máscara en praias, piscinas, lagos ou encoros durante o baño, a práctica de deporte ou nos períodos de descanso nun lugar fixo, pero si cando se vaia dar un paseo.

Comesaña indicou que Galicia sostén que "xera máis risco" unha persoa correndo pola rúa que unha que camiña, polo que aposta polo uso da máscara en ambos os casos. Con todo, cando a persoa está "tombada con distancia e ao aire libre", defende a aplicación que se fai deste elemento no territorio galego, que se poida prescindir neses momentos concretos da protección con máscara.

Feijóo chamou a atención sobre unha lei que é "consecuencia dunha decisión que se tomou durante a primeira onda epidemiolóxica" que sae á luz cando a formulación é se vai haber ou non cuarta onda. Unha lei que, "dalgunha forma" está "sen efecto" e que, ao seu xuízo, "non é desde logo para presumir de lexislación sanitaria seria".

"En Galicia desde o principio temos un protocolo e ese protocolo, se hai que cambialo, axústase", manifestou, antes de sinalar que "hai que distinguir" nunha praia cando se está camiñando ou interactuando cunha persoa, momento en que "si" se pide máscara, de cando unha persoa está a tomar o sol na toalla de forma estática, momento no que se entende "que non é necesaria".

"Son principios básicos que están avalados polo comité clínico", subliñou Feijóo, quen afirmou que "seguen vixentes". Tamén lamentou o "nivel de improvisación excesivo" no ámbito lexislativo, algo "inadmisible en pandemia".

"Se hai algo que hai que facer con rigor é a xestión da saúde publica. Se en España hai cousas que non fixemos con rigor desde o punto de vista lexislativo, foi a xestión da saúde pública nesta pandemia da covid-19", manifestou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta