A Xunta nega contactos para comprar a vacina rusa Sputnik V

O conselleiro de Sanidade remítese ao que ditamine a Axencia Europea do Medicamento (EMA).

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/04/2021 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou este mércores que as autoridades galegas non mantiveron contactos "con ningún representante, nin lobbista" para traer a Galicia a vacina rusa Sputnik V, cuxo uso, engadiu, estará condicionado ás canles habituais, con aprobación previa da Axencia Europea do Medicamento (EMA).

Vacina contra o coronavirus
Vacina contra o coronavirus | Fonte: BIONTECH - Europa Press - Arquivo.

Así o explicou despois de que saíse á luz que a Comunidad de Madrid estableceu conversas con este fin a través da empresa galega IberAtlantics, que, nun comunicado, desvelou que tivo conversas con varias administracións, aínda que sen concretar cales.

En relación a esta cuestión, Comesaña explicou que ninguén do seu departamento mantivo contactos deste tipo e reiterou que unha hipotética adquisición para o uso en Galicia desta vacina estaría necesariamente vinculada a que sexa aprobada pola Axencia Europea do Medicamento e chegue a España polas canles habituais.

Aínda que, segundo Sanidade non foi o caso da vacina rusa, o presidente da Xunta, Albero Núñez Feijóo, comentou tamén nun acto en Vigo que "nalgunhas comunidades autónomas hai distintos laboratorios que tiveron contacto con servizos de saúde para ofrecer ou concretar algunha compensación sobre a compra de vacinas", algo que "tamén ocorreu" no Sergas.

No entanto, Núñez Feijóo apuntou que, para o uso en Galicia "hai dous criterios básicos: primeiro, non se poden comprar as non autorizadas pola Axencia Europea do Medicamento; e o segundo é que un servizo de saúde, antes de comprar vacinas, ten que notificalo no Consello Interterritorial".

Así, acerca da Sputnik V, lembrou que aínda "non está autorizada pola Axencia Europa do Medicamento". "No caso de que o estivese e houbese algunha oferta concreta a algún servizo de saúde, nese momento entendo que o falariamos no Consello Interterritorial, que é o lugar onde se fala sobre a adquisición centralizada das vacinas", resolveu.

"Houbo contactos noutros servizos de saúde?, seguro que si. Houbo laboratorios que contactaron con servizos de saúde? Probablemente; pero hai dous requisitos básicos: a autorización da Axencia Europea do Medicamento e a valoración e comunicación no Consello Interterritorial, como non se deu a primeira circunstancia xa non se pasa á segunda", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta