A Xunta ameaza con recorrer ao Tribunal Constitucional se non se modifica a Lei de Cambio Climático

O BNG envía unha carta a Teresa Ribera para que acepte unha emenda ao artigo 18 co fin de dar seguridade xurídica a empresas do mar.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/04/2021 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou que a Xunta recorrerá ao Tribunal Constitucional a Lei de Cambio Climático se se aproba coa súa actual redacción este xoves, 8 de abril, na súa tramitación no Congreso.

Conselleiras de Medio Ambiente e Mar, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana
Conselleiras de Medio Ambiente e Mar, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana | Fonte: Europa Press.

Respecto diso, a titular de Mar remarca que hai dous informes --da asesoría xurídica da Xunta e do Consello Consultivo de Galicia-- que consideran inconstitucional a normativa promovida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica pola súa redacción dos artigos 18.3 e 18.4. A Xunta considera que "pon en risco" o futuro das empresas situadas na costa do sector mar-industria.

Esta norma está envolta nunha polémica a dúas bandas entre o Goberno central e a Xunta pola súa suposta afectación ao sector conserveiro e industrial do litoral galego e, en concreto, á situación de empresas como Ence en Pontevedra.

O Consello Consultivo considera que a redacción do artigo 18.4 terá consecuencias no réxime de prórroga extraordinaria que contempla a vixente Lei de Costas e, por iso, limitará o prazo ata 75 anos ás concesións ao ter unha "evidente eficacia retroactiva tácita".

O Goberno galego alerta de que esta norma aplica un efecto retroactivo nas concesións e nas prórrogas das instalacións en dominio público marítimo-terrestre, o que xera inseguridade xurídica e paraliza os investimentos.

Segundo a Xunta, esta norma pon en risco as empresas asentadas no litoral galego, así como unhas 5.000 edificacións na costa.

"Se se quere facer unha modificación da lei de costas, poñámonos a traballar nela, pero non introduzamos cambios noutra lei, que nada ten ver, xerando inseguridade xurídica a industrias que están a traballar perfectamente na costa", asegura a conselleira.

Hai uns días, Teresa Ribera aseguraba na súa conta oficial de Twitter --en varias mensaxes escritas en galego-- que a Lei de Cambio Climático "non afecta a ningunha das concesións xa outorgadas nin ás súas prórrogas legais", polo que pedía "ser responsables" e "non mentir nin asustar á xente". Igualmente, apuntaba que a concesión de Ence é unha decisión que depende dos tribunais.

CARTA DO BNG

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, remitiu unha carta á ministra para a Transición Ecolóxica na que ofrece unha proposta de modificación do artigo 18, por medio dunha emenda transaccional, para exceptuar do previsto a todas aquelas actividades como a acuicultura, depuradoras e cocederos de marisco, conserveiras e outras actividades respectuosas co medio ambiente relacionadas co sector.

Así, insta á ministra a buscar unha solución que salvagarde os postos de traballo e a actividade do sector mar-industria en Galicia, sen que se poña en perigo.

E é que Rego asegura que a tramitación desta lei "está a xerar unha enorme preocupación en Galicia", en especial, pola redacción do artigo 18

"O problema de tratar de maneira homoxénea realidades moi diferentes é que poden derivar en grandes inxustizas. É evidente que a realidade da costa galega é moi distinta da mediterránea, ou mesmo da cantábrica", reflexiona Rego na misiva, que avisa dun efecto "demoledor" para a industria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta