A Xunta advirte da falta de profesionais na construcción "un sector que terá moita demanda no futuro"

A Xunta amplía un 23% o orzamento de cursos de formación para 16.600 galegos en situación de desemprego

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2021 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

Os cursos de formación para desempregados contarán este ano cun orzamento de 44,3 millóns de euros, un 23% máis que na anterior convocatoria, que irán destinados a organizar 1.100 cursos que estarán a diposición de 16.600 galegos.

O Consello da Xunta deste xoves deu luz verde á convocatoria deste ano, que se adapta ás necesidades xeradas pola crise vinculada á pandemia de covid-19, segundo explicou o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa na que resaltou que o aumento de orzamento permitirá chegar a 5.800 alumnos máis a través de 300 cursos adicionais.

Entre as novidades da convocatoria deste ano, o mandatario destacou o "impulso" á teleformación e a aula virtual, así como a consideración dos traballadores afectados por ERTE, por suspensión de contrato ou por reducións de xornada. Todos eles estarán seleccionados como colectivo prioritario para uns cursos que tamén pretenden dotar de maior cobertura ás persoas con discapacidade.

Ás axudas para a organización destes cursos poderán optar os centros de formación acreditados, aos que se facilitará a articulación de clases non presenciais para a súa adaptación ao contexto da pandemia. Aínda que os desempregados son o colectivo prioritario, tamén poderán participar nos cursos persoas ocupadas, a condición de que queden prazas vacantes.

"COMPETENCIAS CHAVES"

Outro dos aspectos destacados polo presidente galego na presentación da convocatoria é que a metade do orzamento destinado a estes cursos será para financiar a formación en "competencias chave".

Entre estes aspectos, a Administración autonómica apunta aos sectores do metal, o naval, a automoción, as competencias dixitais e a construción. Sobre isto último, Núñez Feijóo advertiu da "falta" de profesionais para un sector, o da construción, que gozará de "gran protagonismo" a curto prazo ante a previsión dun aumento na realización de obra pública.

Os alumnos e alumnas poden acceder a estes cursos a través das oficinas de emprego de Galicia ou da páxina web de emprego da Xunta. Os interesados terán a opción de elixir o curso, independentemente do lugar de residencia, e as entidades e centros adxudicatarios das axudas poderán seleccionar de forma directa aos participantes.

Alumnos da Fundación Laboral de la Construción.
Alumnos da Fundación Laboral de la Construción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta