Sindicatos de docentes censuran a "caótica xestión" da vacinación con AstraZeneca

Piden unha solución para os profesores que están a espera da segunda dose.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/04/2021 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

Os sindicatos de profesorado censuraron a xestión das autoridades sobre o proceso de vacinación con AstraZeneca, a que se estaba inoculando aos profesores menores de 55 anos, e instaron a ofrecer unha alternativa aos docentes e a aclarar a situación daqueles que se atopan á espera da segunda dose.

Varios viarios coa vacina de AstraZeneca
Varios viarios coa vacina de AstraZeneca | Fonte: Juan Manuel Serrano Arce - Europa Press.

O pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) acordou este mércores suspender a vacinación a menores de 60 anos con este tipo de dose tras o novo informe do Comité para a Avaliación de Riscos en Farmacovixilancia Europeo (PRAC) da Axencia Europea do Medicamento (EMA).

Neste documetno, recoñécese unha "posible relación" entre este tipo de vacina e os coágulos sanguíneos con niveis baixos de plaquetas, e sinalou a necesidade de incluír estes acontecementos adversos na lista de efectos secundarios "moi raros" da vacina.

Galicia xa confirmou a suspensión nestas franxas de idade e a CIG-Ensino criticou especialmente a falta dun 'Plan B' e dunha medida alternativa para "as miles de persoas que aínda non se vacinaron" no sistema educativo galego, preto dun 10 por cento do persoal que traballa nos centros.

"A pésima xestión na toma de decisións e no uso partidista das institucións está a crear unha confusión e unha larma que é responsabilidade única de quen nos gobernan, desde San Caetano a Bruxelas, pasando por Madrid", reprochan.

Por iso, solicitan "transparencia e seguridade", que se ofreza toda á información sobre esta vacina para "non xogar coa confianza da xente", e que se adopte unha decisión para a subministración da segunda dose "con todos os informes científicos necesarios".

A nivel estatal, os sindicatos docentes pediron unha reunión urxente co Ministerio de Sanidade e co Ministerio de Educación e FP para que informen de primeira man sobre a suspensión da vacinación aos menores de 60 anos con este tipo de vacina.

"Desde CSIF facémonos eco da incerteza e a preocupación xerada na poboación xeral e de maneira particular nos colectivos de empregados públicos, como no ámbito da Educación, que xa recibiron a primeira dose desta vacina. Esiximos maior claridade sobre os criterios para aplicar unha segunda dose, que ademais coincidía coa celebración das oposicións a nivel nacional", solicitou este sindicato.

Neste sentido, a organización sindical lamentou que as autoridades sanitarias "non se coordinaron" cos representantes de saúde laboral dos centros de traballo.

Por iso, a CSIF esixiu "coordinación, transparencia e coherencia" ás diferentes administracións, ante a "xestión contraditoria e precipitada" que están a mostrar.

Pola súa banda, desde a Confederación STEs, a responsable da área de Política Educativa, José Ramón Merino, critica a "improvisación" e "falta de criterio" das autoridades sanitarias españolas cos cambios de criterio sobre a administración da vacina de AstraZeneca.

Desde ANPE esixen protocolos e criterios unificados a nivel estatal. "Dirixirémonos ao Ministerio para pedir esta coordinación e a unificación de criterios para facilitarllo a todo o profesorado en calquera ámbito no que estean destinados", engade Fernández.

Do mesmo xeito, a UGT preguntará e esixirá "a quen ten a responsabilidade", é dicir, ao Ministerio de Sanidade, xa que "Educación nin pica nin curta na vacinación", aínda que a responsable de Educación deste sindicato, Maribel Loranca, precisou que ao Departamento que dirixe Isabel Celaá se lle pedirá "toda a información que se precise".

Loranca tamén critica o cambio nos criterios con respecto á administración da vacina de AstraZeneca. "Este tipo de decisións, que vaian variando dependendo dos momentos, xera moita incerteza; gustaríanos que se puidesen ir despexando, máis pronto que despois, as incertezas", reclama.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta