Feijóo di que os galegos "merecen un novo Rexurdimento" cultural

Díxoo na entrega dos Premios da Cultura Galega.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/04/2021 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves a "resistencia" do sector da cultura e dos creadores galegos "nestes tempos tan amargos" e apostou por dirixirse cara a un "novo Rexurdimento" no que a cultura "siga sendo a forza motriz". Así o dixo durante a súa intervención para pechar a entrega dos Premios da Cultura Galega, un acto que tivo lugar, entre fortes medidas de seguridade contra a covid-19, na Cidade da Cultura de Galicia.

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Ana Varela - Xunta.

Na súa intervención, o presidente galego lembrou o recente 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia e a conmemoración do centenario da Xeración Nós para apuntar que os galegos empregan a cultura como "refuxio" cando "as circunstancias da época son adversas".

En cada encrucillada histórica, destacou, "a cultura volve ser a fonte de inspiración que marca a navegación correcta", a dunha Galicia "común na que ninguén está excluído" e na que "abundan as pontes culturais".

Nestes "tempos tan amargos", proseguiu Núñez Feijóo, os galegos "merecen un novo Rexurdimento no que a cultura teña un papel fundamental", tras un ano, 2020, no que foi necesario un plan de reactivación dotado con 26 millóns de euros para "manter con respirador" un sector gravemente afectado pola pandemia, un apoio incrementado agora con outros 23 millóns. "Grazas por crear e por crer nesta terra que nos une", dixo.

Así mesmo, dentro do apoio da Xunta ao sector, Núñez Feijóo puxo de relevancia o seu reflexo nos proxectos presentados aos fondos europeos Next Generation, que aspiran a captar 180 millóns para impulsar as industrias creativas, novos talentos, dixitalización e conservación do patrimonio.

PREMIOS DA CULTURA

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi o encargado de abrir o acto de entrega destes galardóns, un evento ao que asistiron, entre outros, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Na modalidade de Letras, o premio foi para a escritora Ledicia Costas, que reivindicou no seu discurso a literatura para os máis pequenos. "A literatura infantil e xuvenil non crea lectorado para o futuro, son lectores hoxe e teñen dereito a unha literatura de calidade, porque son esixentes e son inconformistas", resolveu.

Así mesmo, na modalidade de Lingua, o gañador foi Xosé González Martínez, creador do primeiro servizo de normalización lingüística de Galicia e peza clave na galeguización da xustiza, que avogou por seguir traballando "no descofinamiento da lingua galega" do ámbito literario e educativo en exclusiva.

Consuelo Pampillón, da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) foi a encargada de recoller o premio na modalidade de Artes Escénicas e reivindicou a formación e a creación de público como ferramentas clave do teatro amateur galego; mentres que Chema Prado foi o galardoado no ámbito Audiovisual e pechou a súa intervención cunha "súplica" ao presidente galego: "Coide e potencie coas dotacións necesarias a súa filmoteca, o CGAI".

No apartado de Música, o premio ha ido para o colectivo pioneiro no ensino de música galega aCentral Folque. O seu director artístico, Ramón Piñeiro, foi o encargado de recoller o galardón e quixo dar visibilidade ás dificultades que está a pasar non só o sector cultural, se non o ensino de música, as salas de concertos, os técnicos e especialistas na materia ou o sector de eventos. "Talento non nos falta, reforcemos o resto para que sexa apreciado e recoñecido por todos", resolveu.

En Proxección Exterior, a premiada nesta ocasión foi Ildiko Szijj, responsable do Centro de Estudos Galegos de Budapest, en Hungría, que agradeceu a través dunha carta o recoñecemento.

O fotógrafo Xurxo Lobato recibiu o premio na categoría de Artes Plásticas e fixo fincapé na "función social da arte" e na capacidade da fotografía de "deter o tempo" e converterse nunha testemuña "documental" dun momento pasado.

Finalmente, o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, recolleu o premio no ámbito de Patrimonio Cultural, un recoñecemento que, dixo, dálle "máis ánimos" e "compromiso" co obxectivo de divulgar e pór en valor o patrimonio cultural, xa que "ninguén ama o que descoñece".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta