Alertan dunha "nova vaga eucaliptizadora" que esquiva a moratoria non vixiada da Xunta

ADEGA intensifica a vixilancia, denuncia cortas e repoboacións ilegais e pon en funcionamento un formulario anónimo en liña para avisar destes "ataques" ao bosque.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia enfronta una nova vaga eucaliptizadora a pesar do anuncio da Xunta de Galicia dunha moratoria ou paralización temporal das plantacións desta árbore. Ás denuncias do Sindicato Labrego Galego súmanse agora as da asociación ecoloxista Adega, que pon o foco na falta dun instrumento normativo que regule a aplicación desta medida e na ausencia de medidas de sanción e de reforzo de recursos para a vixilancia e control. "Estamos a comprobar que esta nova febre do eucalipto está afectando as provincias de Lugo e Ourense", onde aínda se manteñen masas forestais autóctonas e bosques de especial valor ambiental e patrimonial, que agora "están a ser parcialmente cortadas, a feito e de xeito indiscriminado, para reconvertelas en eucaliptais", denuncia Adega. Unhas cortas que, indica, son "ilegais", posto que "a maioría non conta coa autorización preceptiva e incumpren a Lei 7/2012 de Montes de Galicia".

Árbores taladas
Árbores taladas | Fonte: Adega

En poucos días, Adega presentou senllas denuncias diante das autoridades competentes pola corta indiscriminada de 60.000 m2 de bosque autóctono nos concellos lucenses de A Pontenova e Palas de Rei e no ourensán de Ribas de Sil. Alertan de que este tipo de infraccións, que levan producíndose décadas, van en aumento nos últimos tempos. En sete anos, Adega denunciou preto de dúas mil plantacións ilegais de eucalipto, das cales case a metade tiveron lugar na provincia de Lugo. Con todo, "moi poucas", sinalan, foron atendidas pola Administración pública ou derivaron nun expediente sancionador ou de reparación do dano. Por riba, "o número de denuncias efectuadas está lonxe de alcanzar o número de infraccións reais que proliferan impunemente diante dos nosos ollos", destaca a asociación.

FORMULARIO PARA DENUNCIAS

Por todo isto, ADEGA anuncia a "intensificación da súa campaña de vixilancia" sobre cortas forestais ilegais e plantacións de eucaliptos no país. Anima tamén ás persoas denunciar estes "ataques" ao bosque galego ou, en todo caso, a informar os colectivos ecoloxistas para que estes feitos non queden impunes. "A cidadanía pode axudar a preservar as masas forestais autóctonas e outros ecosistemas naturais que, ao contrario que os eucaliptais, fornecen a sociedade de servizos ecosistémicos de incalculable valor", alentan.

Como parte desta loita contra a expansión do monocultivo do eucalipto e para "frear o efecto rebote ou chamada”, a organización puxo en funcionamento un formulario en liña para que calquera persoa, de xeito anónimo, poida informar sobre cortas ou plantacións ilegais. "Unha vez recibida a información, encargarémonos de poñelo en coñecemento das autoridades competente e de tramitar a pertinente denuncia", sinala Adega, que agarda "multiplicar os resultados e ser máis eficaces" na defensa do territorio contra os eucaliptos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta