Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/04/2021 | Actualizada ás 15:48
A Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) presentou este venres o estudo 'O coidado informal no dano cerebral adquirido: impacto na saúde e na calidade de vida das persoas coidadoras', que reflicte "unha gran desigualdade de xénero" ao constar un perfil claramente feminizado: 8 de cada 10 persoas coidadoras son mulleres.
Esta investigación promovida por Fegadace contou co apoio da Fundación Barrié, da Fundación Roviralta e da Consellería de Política Social, e foi elaborada por ReTnova Proxectia Consulting, entre outros.
O proxecto foi apoiado cun investimento de 7.300 euros e participaron 282 persoas enquisadas por vía telefónica. Os resultados do estudo foron presentados por María Vidal Martínez, consultora senior e investigadora principal do estudo como parte de ReTnova Proxectia Consulting.
As conclusións indican unha gran desigualdade de xénero, xa que o perfil das coidadoras está claramente feminizado e 8 de cada 10 persoas coidadoras son mulleres. En boa parte dos casos, son cónxuxes da persoa afectada.
Tamén se conclúe que hai un maior impacto na saúde e calidade de vida das mulleres. Estas teñen maiores problemas físicos e mentais asociados á actividade dos coidados que os homes coidadores, segundo os datos recompilados polo estudo.
Por mor disto móstrase que hai máis mulleres seguindo tratamentos, especialmente por trastornos psicolóxicos como a depresión ou a ansiedade.
"Hai un detrimento máis severo da saúde e a calidade de vida das mulleres coidadoras", expuxo María Vidal. Por tanto, desde o estudo reclámase a necesidade da posta en marcha de recursos de apoio e o deseño de medidas con perspectiva de xénero.
Tamén se conclúe a importancia de medidas públicas sociais e sanitarias que contribúan a mellorar a vida das persoas coidadoras, especialmente no ámbito psicolóxico e emocional.
A presentación contou co testemuño de María Isabel Pardo, unha coidadora informal que expuxo algún dos problemas recollidos no estudo, tales como a necesidade de apoio institucional ou os problemas psicolóxicas derivados do coidado dunha persoa dependente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.