Máis de 52.000 galegos están citados a vacinarse esta fin de semana

Administraranse 27.000 doses de Pfizer e 25.000 de AstraZeneca.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/04/2021 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

Galicia vacinou a máis de 33.000 persoas en 24 horas, segundo os datos que publica este venres o Ministerio de Sanidade --que sempre se corresponden coa xornada anterior--. Ademais, citou a máis de 52.000 persoas para a este fin de semana, segundo indica a Consellería de Sanidade.

Así, a comunidade galega administrou 657.774 das 786.365 vacinas recibidas, o que supón o 83,6%. Esta taxa segue por baixo da media española (85,3%). De tal modo, en Galicia hai 472.331 persoas que recibiron polo menos unha dose da vacina, mentres 185.443 contan coa pauta completa, neste último caso son unhas 2.600 máis que a anterior xornada.

Entre eles, hai 214.248 maiores de 80 anos que recibiron unha dose, supón o 91,4% de 234.302 desta franxa de idade, mesma taxa que a media española. Os maiores de 80 anos coa pauta completa son 101.251, o que se traduce no 43,2% do total, sete puntos por baixo da media española (50,7%).

CITACIÓN PARA ESTE FIN DE SEMANA

Pola súa banda, máis de 52.000 galegos están chamados a vacinarse este fin de semana nas sete áreas sanitarias de Galicia, nas que se administrarán unhas 27.000 doses de Pfizer para maiores de 80 anos e do colectivo 79-75 (cuxa vacinación se iniciou este xoves) e 25.000 dose da vacina de Astrazeneca, para o colectivo de maiores de 60 (no intervalo polo momento de 60-65).

A estratexia aprobada este xoves polas comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade inclúe agora ás persoas de entre 65 e 69 como grupo obxectivo a inmunizar coa vacina de Astrazeneca, pero primeiro está previsto, segundo confirmou a Consellería de Sanidade, rematar co primeiro colectivo de entre 60 e 65 anos.

En total, Galicia conta con 346.927 persoas a vacinar entre 60 e 69 anos, segundo os datos do informe de vacinación do Ministerio de Sanidade.

DATOS DE VACINACIÓN

Así as cousas, segundo informou a Consellería de Sanidade nun comunicado de prensa tras a reunión do subcomité clínico deste venres, a Xunta administrou na xornada do xoves un total de 33.229 doses de vacinas contra a covid: 31.882 persoas con Pfizer e 1.347 coa de Astrazeneca.

No caso da británica, 1.264 foron administradas en grandes recintos --Ferrol e Cee e noutros 83 puntos de vacinación--. No caso das áreas de Ferrol e da Coruña-Cee, as porcentaxes de adherencia alcanzaron o 81,6% e o 80,4%, respectivamente, de forma que a porcentaxe global foi do 77,43%.

Unha longa fila de persoas na vacinación masiva de Santiago de Compostela a 6 de abril de 2021
Unha longa fila de persoas na vacinación masiva de Santiago de Compostela a 6 de abril de 2021 | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta