O Sergas propón realizar unha selección centralizada do persoal médico temporal

Levará a cabo un estudo para dotarse de prazas que permitan afrontar necesidades de carácter permanente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2021 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) propuxo a CIG, CC.OO., CSIF, UXT, CESM e OMEGA realizar desde setembro unha selección centralizada do persoal médico hospitalario temporal, que na actualidade leva a cabo de modo descentralizado nas sete áreas sanitarias. Nunha reunión celebrada este venres, o Sergas expuxo que esta selección centralizada leve a cabo en atención ás listas de cada especialidade, elaboradas en aplicación do pacto publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 23 abril de 2019, segundo detallou a Consellería de Sanidade. Pola súa banda, os sindicatos valoraron estas medidas, que deberán ratificarse nunha reunión da mesa sectorial.

Para estes efectos, as listas, que na actualidade están publicadas de modo provisional, serían emitidas con carácter definitivo en setembro. Así, o Sergas considerou preciso este prazo temporal para permitir que as áreas sanitarias tramiten as súas propias convocatorias, que se anuncian no DOG e suman unhas 285 prazas vacantes para a cobertura con persoal interino.

Por outra banda, o Sergas propuxo un réxime transitorio que podería beneficiar a 582 facultativos que traballaron con vínculos de dous ou máis anos. Con independencia da entrada en vigor das novas listas, garantiríase o emprego deste persoal ata a finalización da Oferta de Emprego Público (OPE) que se atopa en proceso de tramitación e que concluiría en 2022. Adicionalmente, o Sergas avanzou a realización dun estudo por especialidades e áreas co obxectivo de dotarse de prazas para dar resposta a necesidades de carácter permanente.

EXERCICIOS DA OPE

Noutra orde de cousas, trasladouse aos sindicatos que os exercicios desa OPE, que oferta 996 prazas para incorporar persoal facultativo fixo, realizaranse na segunda quincena de outubro. Tamén se indicou que se prevé que a elección de destinos de 254 médicos de familia para a súa incorporación como persoal fixo teña lugar na segunda metade de maio.

UCI do Hospital Clínico de Santiago
UCI do Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Ana Varela - Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta