Un estudo da Xunta sinala que o emprego nas empresas TIC creceu case un 2% en 2020

O ano da pandemia pecha con 359 novos postos de traballo nun sector no que se disparou o teletraballo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2021 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O emprego en empresas do sector das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) de Galicia creceu un 1,9% ao longo do 2020, ano da pandemia do coronavirus, ata situarse no total de 19.343 traballadores. Así se desprende dunha enquisa elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia, que confirma que este incremento tivo a súa causa no maior uso das novas tecnoloxías que levou a crise da covid.

De acordo con este mesmo estudo, o emprego no sector TIC galego pechou o ano pasado cun total de 19.343 postos de traballo, tras a creación de 359 novos. Ademais, o aumento do emprego foi especialmente significativo en empresas de actividades informáticas, nas que os novos ocupados foron 672. Isto supuxo un 5,9% máis con respecto aos de 2019. En canto ao subsector das telecomunicacións, esta enquisa da Xunta cifra no 1,8% a subida do emprego, ata alcanzar os 3.300 traballadores en total.

AUMENTO DE DEMANDA NO 35% DE EMPRESAS

O mesmo estudo, tal e como destaca a Xunta nun comunicado, puxo de manifesto que case un 35% de empresas asegura que as circunstancias da pandemia e as novas necesidades dixitais aumentaron a demanda dos seus produtos. En concreto, os máis demandados foron os artigos de 'software', os servizos web e os equipos móbiles e de comunicación. Por mencionar un sector, o 36,1% das compañías de telecomunicacións viu aumentada a venda dos seus produtos.

UN 91,5% MÁIS DE TELETRABALLO

En canto ao teletraballo no sector TIC de Galicia, ao longo do 2020 disparouse nun 91,5% o número de empresas que contan con persoas que exercen o seu labor desde os seus fogares. De feito, de todo o sector, o 63,4% das sociedades tecnolóxicas asegura ter persoal que teletraballa. Outra tendencia significativa, subliña a Xunta, é o crecemento do 7,1% das empresas que venden os seus servizos por comercio electrónico, o que permitiu que o volume de vendas subise un 31,4% en todo 2020. Ademais, unha de cada tres empresas TIC de Galicia puxo en marcha novas plataformas ou ferramentas dixitais para facilitar aos clientes as compras 'en liña'.

Dúas persoas traballan con computadores.. XUNTA - Arquivo
Dúas persoas traballan con computadores.. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta