O 'FIC Vía XIV, de Verín' xa presume de cartel ilustrador

Foi presentado estes días e inspírase na película 'A rosa púrpura do Cairo' de Woody Allen. O festival de curtametraxes está programado entre o 4 e o 12 de setembro.

Por X.M. Fernández | Verín | 14/04/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A VI edición do Festival Internacional de Curtas, FIC Vía XIV, de Verín presentou o pasado venres 9 de abril a súa imaxe gráfica. A obra parte dunha idea de Jorge Godás, director de Creatividade do certame, e foi desenvolvido pola deseñadora Aurora López, natural de Albarellos de Monterrei. 

Presentación do cartel. Foto: Prensa FIC Vía XIV
Presentación do cartel. Foto: Prensa FIC Vía XIV

A autora xa asinara o cartel na III edición do certame e nesta ocasión inspírase na famosa película de Woody Allen, A rosa púrpura do Cairo, convidando ao espectador a mergullarse no festival. Recreando unha das escenas máis coñecidas do filme, na gráfica vese como o actor protagonista introduce dentro da pantalla de cinema a unha espectadora.

“Tentar que os asistentes ao FIC se somerxan completamente na  programación oficial e paralela que imos preparar para todos e todas é o noso obxectivo como organizadores e queriamos que a idea se plasmara no cartel ilustrativo do certame”, asegura Carlos Montero, director do Festival.

UN FESTIVAL CONSOLIDADO E SEGURO

A concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, sinalou durante a presentación que “o certame de curtas verinés atópase plenamente consolidado na axenda cultural, de ocio e de lecer da vila, logo de seis edicións”. Así mesmo indicou que “a celebración do certame en 2020 amosou que se pode recuperar a cultura en época de pandemia, sempre dun xeito seguro” e esta mesma premisa rexerá na VI edición do certame.

Na gráfica pode verse como a espectadora que traspasa a pantalla leva máscara. Nesta idea, na da seguridade, os organizadores do FIC Vía XIV queren incidir especialmente por segundo ano consecutivo. Vaise deseñar de novo un estrito protocolo anti-Covid para despregar durante os días que dure o certame no Auditorio de Verín, entre o 4 e o 12 de setembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta