As Anpas cualifican de "disparate" a eliminación dos exames de setembro no ensino

Anpasgalegas esixe que se "abra o debate" sobre outro calendario diferente, "apartado das festividades relixiosas, que teña unha organización estritamente pedagóxica e non laboral".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2021 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

Os cambios no calendario escolar que vén de anunciar a Consellería de Educación comezan a xerar queixas entre a comunidade educativa. Anpasgalegas amosa o seu malestar a través dun comunicado a raíz deste posible adiamento dos exames de recuperación de ESO, 1º de bacharelato e de FP Básica a partir do curso 2021-2022 de setembro a xuño. "É un puro disparate, un desatino sen lóxica que só serve para a comodidade administrativa dos centros educativos, e para incidir aínda máis no abandono daquel alumnado que precise máis atención e máis recursos", critica Anpasgalegas.

Estudantes de bacharelato realizan no IES Vilar Ponche os exames Selectividade ou Probas de Acceso á Universidade ?PAU ou ABAU- en Viveiro, Lugo, Galicia (España). Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Estudantes de bacharelato realizan no IES Vilar Ponche os exames Selectividade ou Probas de Acceso á Universidade ?PAU ou ABAU- en Viveiro, Lugo, Galicia (España). Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

A organización avala a "necesidade de garantir un período de vacacións innegociable", mais consideran que ese tempo "non pode transcorrerr dende o 22 de xuño ata o 15 de setembro": "Iso non son vacacións, é un deserto insuperable na autonomía do alumnado con dificultades, e un descanso innecesario para aquelas que non as teñen", sentenzan.

Dende Anpasgalegas esixen que se "abra o debate" sobre outro calendario diferente, "apartado das festividades relixiosas, que teña unha organización estritamente pedagóxica e non laboral". Así mesmo, piden que este sexa consensuado coas familias e co propio alumnado de cursos superiores. "Nós tamén queremos cambiar o calendario escolar, pero con calma, con sentido, coa nosa presenza e a de expertos e con absolutamente todas as opcións abertas". Pola contra, din, un calendario escolar negociado como un "asunto puramente laboral" que deixa de lado a toda a comunidade educativo terá a Anpasgalegas "frontalmente en contra".  

"As familias galegas non imos permitir que se lles retire ás nosas fillas e fillos un dereito, o da segunda convocatoria, que marca a diferenza entre superar ou non superar un curso académico, sen falar sequera do que esta mesma mocidade recibe a cambio, en que condicións o recibe, e como se ve compensada e apoiada no seu dereito á educación", rematan o comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta