Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2021 | Actualizada ás 11:33
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a resolución da Consellería do Medio Rural que dá publicidade ás entidades beneficiarias das axudas convocadas este ano para o fomento das razas autóctonas galegas. Así, repartíronse un total de 200.000 euros entre 10 asociacións de criadores, a razón de 20.000 euros por entidade.
En concreto, outorgóuselles subvención ás asociacións de criadores das razas bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. Así mesmo, concedéuselles axuda ás asociacións de criadores de cabalo de Pura Raza Galega, de Porco Celta, da raza Ovella Galega e da raza Cabra Galega, así como á de avicultores da raza Galiña de Mos.
Esta liña de achegas ten como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e da calidade neste tipo de producións, xa que "as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas, dos pastos e para a prevención de incendios forestais".
As actuacións subvencionables en virtude desta orde de axudas son a creación ou mantemento de libros xenealógicos, incluíndo os gastos derivados da súa actividade, os do local ou oficinas, a actualización, adquisición e mantemento de computadores e material informático, así como a contratación e gastos de persoal técnico e administrativo.
Tamén son subvencionables os gastos que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no que se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ da mesma, así como a creación e mantemento de bancos de germoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.