As orquestras alertan do seu "perigo de morte" polo "abandono" da Xunta

CC.OO. e Amproega censuran que as axudas autonómicas leven tres meses "nun caixón" tras o acordo subscrito en xaneiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2021 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

Traballadores do espectáculo e, en concreto, do sector das orquestras e verbenas denunciaron o "abandono" cara a estes profesionais por parte da Xunta, á que acusan de atrasar a convocatoria dunha orde de axudas pactada no mes de xaneiro e que, tres meses despois, permanece "nun caixón". Este martes, o portavoz da Asociación de Músicos e Profesionais da Música de Galicia (Amproega), Adrián Grande, e a responsable da área de medios de comunicación, lecer e cultura de CC.OO. en Galicia, Teté Pérez, ofreceron unha rolda de prensa na que alertaron do "perigo de morte" que corre o sector despois dun ano e un mes sen actividade polas restricións da pandemia.

Neste sentido, o colectivo e o sindicato alertan do "desemparados" que se atopan os ao redor de 3.000 profesionais do sector dos espectáculos en Galicia, que desde marzo de 2020 pasaron "meses moi duros" nos que "nin sequera llos recoñeceu como traballadores". "Levamos un ano coa actividade a cero", incidiu Adrián Grande, que lembrou que, mentres que outros sectores se viron afectados "en maior ou menor medida" polas restricións, no caso dos espectáculos a crise sanitaria supuxo o "parón total" da actividade, o que levou a que "moitos profesionais" tivesen que buscar outras saídas laborais "para dar para comer ás súas familias".

Neste sentido, apelou á implicación de "todas" as administracións, desde a central ás locais, para articular apoios a un sector no que algunhas empresas se viron xa obrigadas a pechar despois dun ano sen facturar.

AXUDAS AUTONÓMICAS

En concreto, tanto Amproega como Comisións instan á Xunta a publicar "xa" a convocatoria de axudas acordadas a comezos de ano que, en todo caso, contan para a asociación e o sindicato con orzamento "insuficiente" e establecen requisitos "inasumibles" para os posibles beneficiarios, como o límite de sete días máximos cotizados para poder optar aos apoios. Por este motivo, Adrián Grande considera que "moitas persoas non van chegar" a percibir estas subvencións, que son vistas a ollos da asociación como "unha penalización, máis que axuda" xa que "deixan fóra" a aqueles que tiveron a oportunidade de traballar, ben no sector ou fóra del.

Deste xeito, solicitan que a Xunta teña en conta criterios de escala para a repartición das axudas que permitan abrir o espectro de posibles beneficiarios e que estes reciban contías en función da actividade desenvolvida nos últimos meses. Esta reclamación é de cara a novas convocatorias pois, como lembra o portavoz de Amproega, os apoios económicos acordados coa Xunta en xaneiro son para facer fronte aos efectos da pandemia entre marzo e outubro.

"Deberiamos estar a empezar xa a negociar as axudas para este ano", incidiu Adrián Grande que, xunto coa responsable do sindicato, demandou á Consellería de Sanidade que inicie a elaboración de protocolos para poder adaptar as verbenas á nova normalidade ante o arranque da tempada estival.

Escenario da orquestra Kubo.
Escenario da orquestra Kubo.

CONTRA A EXTERNALIZACIÓN DA XESTIÓN DO AUDITORIO DE OURENSE

Noutra orde de cousas, un total de 13 entidades dos sectores das artes escénicas e da música trasladaron o seu rexeitamento á externalización da xestión do Auditorio Municipal de Ourense. "Esta decisión foi adiantada polo rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, sen achegar claridade ao respecto do modelo de xestión que pretende o concello nin que prazos están previstos", denuncian as organizacións asinantes, entre elas a Asociación de Actores e Actrices de Galicia; a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas ou a Academia Galega de Teatro.

Respecto diso, sosteñen que o anuncio, "dada a súa indefinición, preséntase como unha manifestación máis dunha errática política cultural que parece afanarse en obviar os dereitos tanto da cidadanía como do tecido produtivo cultural da terceira cidade galega". "A intención de privatizar a programación do Auditorio Municipal de Ourense viría unirse a outras lesivas decisións políticas tomadas desde o Concello nos últimos anos, como a retirada de apoio a festivais de longa tradición ou o peche continuado neste 2021 do propio Auditorio".

Para os asinantes, o goberno local "pretende desprenderse das responsabilidades de todo consistorio á hora de promover a cultura, de apoiar a cultura de base, de fomentar unha programación diversa, garantir o acceso á veciñanza a diferentes expresións artísticas ou dinamizar o tecido produtivo do sector".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta