Contentración dos traballadores de Gabadi en Narón para rexeitar os despedimentos na empresa

Os sindicatos explican que a empresa mesmo solicitou a mediación do Acordo Interprofesional Galego (AGA). Este luns tiveron unha reunión, "pero sen ningún acordo, xa que a empresa mantense no mesmo: non quere variar".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2021 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

Traballadores e delegados sindicais da empresa Gabadi, unha compañía auxiliar do sector naval con sede no polígono de Río do Pozo, en Narón, concentráronse no exterior da nave da compañía para mostrar o seu rexeitamento a un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo para un máximo de 36 operarios, dun persoal de 158 traballadores.

Segundo trasladou na mañá deste martes o presidente do comité de empresa, Ignacio Lamas (CIG), "agora mesmo non hai acordo ningún, tras finalizar o período de negociacións o pasado xoves, 8 de abril". "A empresa continúa co mesmo, quere os despedimentos, e vinculada unha redución á inaplicación do convenio, algo no que non estamos de acordo", reprocha.

Os sindicatos explican que a empresa mesmo solicitou a mediación do Acordo Interprofesional Galego (AGA). Este luns tiveron unha reunión, "pero sen ningún acordo, xa que a empresa mantense no mesmo: non quere variar".

"Nós propomos negociar un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) de tipo rotativo, cunha duración como moito dun ano aos afectados. Estimamos que esta vía será moi factible para evitar os despedimentos e que o persoal continúe vinculado coa empresa", explica Lamas.

SUBCONTRATAS

Pola súa banda, Serxio Martínez, de CIG-Industria, detallou, durante esta concentración, que "o que non se pode é despedir alegando falta de carga de traballo cando tes subcontratadas a outras empresas, cando tes operarios prestados por outras compañías que realizan o seu traballo nas instalacións de Gabadi, cousa que nós xa puxemos en coñecemento de Inspección de Traballo".

Ademais, Martínez quixo desvincular a situación desta compañía coa falta de carga de traballo en Navantia Ferrol, pois "esta empresa está implantada a nivel internacional", polo "é unha desculpa perfecta a baixada de actividade en Navantia".

Censura que o obxectivo da patronal "é condicionar as decisións do comité de empresa e do persoal a baixar o número de afectados do ERE, a condición de que se acepte máis desregulación de horarios e que os operarios traballen sábados e domingos sen cobrar". "Algo que non estamos dispostos a aceptar por ser unha chantaxe e xogar sucio", sentenciou o integrante de CIG-Industria en Ferrol.

Protesta dos traballadores de Gabadi.
Protesta dos traballadores de Gabadi. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta