As vacinas de Janssen inxectaranse primeiro a domicilio en Galicia, onde se propón destinalas tamén a mariñeiros

Esta nova vacina é dunha soa dose.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/04/2021 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que as vacinas de Janssen, farmacéutica da cal chegarán este mércores 8.500 doses a Galicia, administraranse en primeiro lugar a persoas a domicilio.

Vacina de Janssen contra a COVID-19 dunha soa dose
Vacina de Janssen contra a COVID-19 dunha soa dose | Fonte: JANSSEN - Arquivo.

Ademais, Galicia propón que se destinen tamén ao colectivo de mariñeiros, posto que ao ser monodoses é "moi fácil de usar", algo que trasladaron ao Instituto Social da Mariña como organismo que debe inmunizar a este colectivo, tal e como indicaron fontes da Consellería de Sanidade.

Na comparecencia a petición propia no Parlamento de Galicia, o conselleiro de Sanidade precisou que a decisión de usar estas vacinas a domicilio débese á complexidade que deriva da dispersión poboacional, de maneira que ao ser estas monodoses facilítase a inmunización das persoas que se atopan en lugares afastados aos centros de saúde e puntos de vacinación.

Sobre as tripulacións dos barcos, o conselleiro de Sanidade destacou que esta vacina permite inocular unha dose e non depender do tempo embarcados para completar a pauta. "Non teñen que volver das mareas para pór a segunda", apuntou.

Comesaña, que cando compareceu aínda non transcendera a recomendación da Axencia do Medicamento estadounidense de suspender a vacinación de Janssen, dixo desta marca que "o máis atractivo" dela é o número de dose que está previsto recibir, da orde de 50.000 cada semana a partir de xuño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta