A comisión que investiga a desaparición de documentos en Urbanismo de Ourense cita o promotor do inmoble afectado

O BNG valora "os avances e, sobre todo, os cambios introducidos na investigación".

Por E.P. | Ourense | 13/04/2021 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

A Comisión de Investigación sobre a desaparición de documentación na Concellaría de Urbanismo do Concello de Ourense convocou, para a próxima reunión, o promotor do inmoble afectado.

Reunión da Comisión de Investigación sobre a desaparición de documentación na Consellería de Urbanismo do Concello de Ourense
Reunión da Comisión de Investigación sobre a desaparición de documentación na Consellería de Urbanismo do Concello de Ourense | Fonte: Concello de Ourense.

Esta Comisión investiga a desaparición da documentación relativa a un edificio anexo á igrexa dos franciscanos no parque de San Lázaro en Ourense. O promotor do edificio, José Benito López, denunciou a desaparición na área de Urbanismo dos documentos que lle permiten obter a licenza de ocupación do edificio, a situación está xudicializada.

No pleno de decembro acordouse constituír a comisión de investigación. Esta foi a segunda reunión, nela deuse conta do informe dos letrados municipais sobre a situación xudicial do expediente de licenza de ocupación do edificio. Así mesmo, serviu para dar a relación de comparecentes da próxima sesión, que se celebrará o vindeiro martes 27 de abril, e onde foi citado o promotor do edificio, José Benito López.

A concelleira do Partido Popular Sonia Ogando, ex encargada da área de Urbanismo, trasladou que na próxima reunión, ademais do promotor, tamén declararán funcionarios afectados e ademais mostrou "a vontade" do partido de "esclarecer a situación".

Na mesma liña mostrouse Armando Ojea, concelleiro de Democracia Ourensana e responsable da área de Urbanismo, quen fixo saber que se analizará o informe dos servizos xurídicos municipais e "continuarase tratando de esclarecer o ocorrido".

Pola súa banda o Bloque Nacionalista Galego, de cuxa petición no mes de outubro xurdiu a Comisión, valorou "os avances e sobre todo os cambios introducidos na investigación"-- en referencia ao cambio da periodicidade destas comisións que pasan de celebrarse mensualmente a facelo quincenalmente.

"Está a falarse de feitos presuntamente moi graves e de suficiente entidade como para que todos tomemos isto en serio e podamos chegar ás conclusións no menor tempo posible", aseverou Luís Seara, portavoz do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta