Historia dunha UCI galega na pandemia

Profesionais do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela comparan o impacto das tres ondas de covid-19 na unidade de coidados intensivos. Destacan a redución no uso de ventilación mecánica invasiva para asistir os pacientes con síndrome respiratoria aguda severa. Na terceira onda houbo máis ingresos en UCI que na primeira e a segunda xuntas neste servizo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Desde o inicio da pandemia, en España sufríronse tres ondas de covid-19: a primeira, na primavera de 2020; a segunda no verán e a terceira co Nadal. Entre esas tres ondas houbo cambios substanciais no manexo de pacientes nas unidades de coidados intensivos por mudanzas nas características clínicas, os tratamentos administrados e a evolución dos enfermos.

Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa
Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa | Fonte: Miguel Riopa - Remitida por Povisa.

Un dos feitos máis relevantes a nivel clínico é o cada vez menor uso de sistemas de ventilación mecánica para asistir con respiración artificial os pacientes críticos con síndrome de dificultade respiratoria aguda causada por unha pneumonía bilateral. Se da primeira onda todos recordamos as dramáticas imaxes de enfermos enchufados a respiradores e o debate público sobre a escaseza destes dispositivos durante o primeiro embate do coronavirus SARS-CoV-2, co tempo aquela urxencia foise disolvendo, á par que en hospitais a necesidade de usar respiradores para pacientes covid diminuíu.

No Departamento de Anestesioloxía e Medicina de Coidados Intensivos do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela - Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS), observaron que durante a terceira onda o uso de ventilación mecánica invasiva en pacientes críticos con covid-19 foi significativamente menor que nas anteriores.

De feito, no servizo do Clínico de Santiago houbo unha “tendencia cara a un menor uso de ventiladores mecánicos”, pasando dun 70 % de ingresados en UCI que precisaron respiradores na primeira onda, a un 26,1 % na segunda e un 39,1 % na terceira.

Ao contrario da primeira onda, unha maior proporción de pacientes na segunda e terceira onda non foron intubados, recibindo osíxeno nasal de alto fluxo ou ventilación mecánica non invasiva”, explican.

Outro dato relevante é a caída na estada na UCI, que foi, de media, de 15 días na primeira onda, 12 na segunda e 10 na terceira.

Porén, na mortalidade entre os críticos, aínda que houbo variacións, non se observa ningunha tendencia clara nin cambios substantivos para os expertos do Clínico: na primeira onda foi do 25 %, na segunda do 17,4 % e na terceira volveu crecer até o 21,7 %.

Dos datos aportados por estes profesionais chama a atención o número de pacientes ingresados na UCI do Clínico na terceira onda, 46 persoas, cifra maior que a suma dos ingresados na primeira onda (20 pacientes) e na segunda (23).

MAIOR USO DE CORTICOIDES E DA POSICIÓN PRONA

Os autores do estudo, con datos de 89 contaxiados con covid-19 en UCI con síndrome respiratoria aguda severa, salientan o feito de que “na terceira onda se trataron máis pacientes con corticoides en comparación coa primeira”, un 100 % fronte a un 80%. Na segunda onda representaron o 91,3 %, co que a tendencia a xeralizar o uso deste tipo de esteroides foi en aumento progresivo.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda a utilización de corticoides sistémicos para o tratamento de pacientes graves e críticos de covid-19 e suxire que non se utilicen en pacientes non graves, xa que “o tratamento non achega ningún beneficio e mesmo pode resultar prexudicial”.

Que función teñen os corticoides sistémicos no tratamento dos pacientes con covid-19? Tras revisar distintos estudos científicos, a OMS afirmou que existe unha “certeza moderada dunha redución importante do risco de morte” en pacientes con covid-19 en situación grave ou crítica. De aí a recomendación do seu uso nestes casos.

A medida que avanzou a pandemia e se sucederon as ondas, tamén se utilizou cada vez máis nos pacientes a manobra de decúbito prono (coñecida como pronoación ou posición prona, en termos comúns, boca abaixo): no 45 % dos casos na primeira, no 56,5 % na segunda e no 91,3 % na terceira. A experiencia demostrou que este método axuda os enfermos a aumentar a cantidade de osíxeno que ingresa nos pulmóns.

Os expertos do Clínico de Santiago tamén salientan que en pacientes que necesitaron ventilación mecánica, a duración entre o ingreso na UCI e a intubación traqueal foi maior durante a terceira onda en comparación coa primeira. 

En canto ao tempo desde o inicio da enfermidade ata o ingreso na UCI, os datos apenas variaron; foron unha media de once días na primeira onda e de 9 nas outras dúas.

Na seguinte táboa móstrase a relación entre comorbilidades (presenza de un ou máis trastornos, ademais da enfermidade primaria, a covid-19) e pacientes críticos en cada onda, con valores totais do número de enfermos con cada patoloxía acompañada entre parénteses pola porcentaxe sobre o total de ingresados na UCI.

Comorbilidades (%)

Primeira onda
Pacientes = 20

Segunda onda (2)
Pacientes = 23

Terceira onda
Pacientes = 46

Hipertensión

9 (45,0)

14 (60,9)

23 (50,0)

Hiperlipidemia

9 (45,0)

9 (39,1)

23 (50,0)

Diabetes

4 (20,0)

6 (26,1)

10 (21,7)

Asma

1 (5,0)

3 (13,0)

3 (6,5)

Enfermidade pulmonar obstructiva crónica

3 (15,0)

1 (4,3)

4 (8,7)

Enfermidade do corazón

5 (25,0)

4 (17,4)

4 (8,7)

Obesidade

6 (30,0)

14 (60,9)

18 (39,1)

Cancro

2 (10,0)

5 (21,7)

4 (8,7)

Trasplante

1 (5,0)

2 (8,7)

3 (6,5)

Sen comorbilidade

4 (20,0)

1 (4,3)

3 (6,5)

Aínda que estes resultados son substanciais, os responsables de recompilalos e analizalos advirten que se trata de datos dun estudo só con pacientes ingresados ​​nun hospital, o Clínico de Santiago, polo que as porcentaxes e tendencias poderían mudar noutras unidades doutros centros hospitalarios. 

“Os resultados poden non reflectir a experiencia e os resultados en hospitais doutras comunidades”, din. Por iso, piden “estudos multicéntricos cun maior número de pacientes” que “poderán confirmar se hai unha tendencia cara a un menor uso da ventilación mecánica e se isto pode influír na diminución da incidencia de infeccións nosocomiais, complicacións asociadas á ventilación mecánica, duración da estancia na UCI e mortalidade”.

Os resultados do estudo publícanse nunha carta ao editor da revista científica internacional Journal of Infection, asinados por Manuel Taboada, Mariana González, Antía Álvarez, María Eiras, José Costa, Julián Álvarez e Teresa Seoane Pillado.

DATOS DAS UCI EN GALICIA

Desde o inicio da pandemia, e até o 12 de abril de 2021, un total de 12.816 persoas diagnosticadas con covid-19 foron ingresadas en hospitais galegos. E 1.720 tiveron que ser trasladadas a unidades de coidados intensivos (UCI).

Estes datos converten a Galicia na novena autonomía con máis ingresos hospitalarios por esta nova enfermidade, o cal non é un mal dato comparado con outras autonomías se temos en conta que a galega é a quinta comunidade máis poboada. Porén, en total de ingresos en UCI Galicia colócase en sexto lugar, segundo os datos do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade.

Se miramos por porcentaxe, a situación empeora: o 13,42 % dos hospitalizados en Galicia acabaron nunha UCI. En Madrid, comunidade coas maiores cifras de hospitalizados (93.749) e críticos (6.930), esa porcentaxe é case a metade que a galega, o 7,39 %; en Andalucía, segunda por números totais (42.156 casos que requiriron hospitalización e 4.440 en UCI), tamén é menor que a galega, do 10,53 %, ao igual que a de Cataluña, terceira autonomía con peores datos totais (39.303 ingresos, 3.258 en UCI), onde a porcentaxe é do 8,29. Na veciña Asturias, con 8.075 ingresos e 625 críticos, tamén é menor, o 7,74 %.

Porén, en Baleares a porcentaxe é superior á galega, cun 15,17 % (4.514 ingresados e 685 en UCI); tamén en Melilla, co 16,31 % (326, 43), e en Canarias, onde se dispara até o 20,14% (4.930, 993).

A porcentaxe galega aproxímase á de Cantabria, que é do 13.81% (2.874, 397).

En todas as demais autonomías, esa porcentaxe é inferior á de Galicia.

Polo tanto, a poboación galega é unha das que máis probabilidades ten de acabar en coidados intensivos en caso de contaxio grave que requira hospitalización. Algo que se podería atribuír ao envellecemento da poboación, pero que o parecen contradicir os datos de Asturias e Castela e León, comunidades aínda más envellecidas que Galicia pero con menor porcentaxe de ingresos en UCI entre os hospitalizados por covid-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta