A Xunta nega un "efecto chamada" á plantación de eucaliptos antes da moratoria

O BNG denuncia un "boom" nas plantacións e pide solucións.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/04/2021 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, asegurou que "non hai evidencias tanxibles" de que se estea producindo un "efecto chamada" na plantación de eucaliptos en superficies onde non os había antes debido á moratoria anunciada pola Xunta, prevista a partir de maio.

Eucaliptos
Eucaliptos | Fonte: Xunta de Galicia.

En resposta a unha interpelación sobre este asunto formulada pola deputada do BNG María González Albert, o conselleiro precisou que, en todo caso, a tempada de primavera é a "época ordinaria para realizar plantacións" e que, por tanto, resulta "evidente que estas se produzan" nestes momentos.

De feito, sostivo que cada ano se cortan ao redor de 20.000 hectáreas de eucaliptos en Galicia e lembrou que a covid-19 limitou as plantacións no tempo do confinamento do ano pasado.

O titular de Medio Rural advertiu, ademais, que a Xunta está "vixiante" ante posibles incumprimentos da normativa sobre a materia e, neste sentido, trasladou que entre 2016 e 2020 tramitáronse nos servizos xurídicos máis de 1.700 expedientes sancionadores en relación á actividade forestal, e máis de 7.400 apercibimentos.

Na mesma liña, anunciou que este labor se vai reforzar xa que, unha vez que entre en vigor a lei de recuperación das terras agrarias, porase en marcha un plan especial de control de novas plantacións que asegure o cumprimento da suspensión temporal aprobada.

Tras iso, lembrou que todas as plantacións que respecten o marco legal vixente están permitidas e aquelas que non o cumpran "serán denunciadas, como sempre o foron". Ademais, puntualizou que a medida é unha regulación temporal que, unha vez que entre en vigor, adopta un control, primeiro, na prohibición de novas plantacións e, en segundo termino, na permisión de replantacións só naqueles terreos nos que xa había esta especie cumprindo a legalidade vixente.

O conselleiro tamén afirmou que a suspensión temporal das novas plantacións en lugares nos que non había eucalipto se fundamenta en criterios técnicos e normas para limitar a súa expansión de forma efectiva, dentro da aposta do Goberno galego por un monte "multifuncional, diverso e sustentable", que xere riqueza e postos de traballo.

Neste sentido, lembrou que o eucalipto permite que máis de 80.000 familias poidan ter ingresos e advertiu que os seguirán tendo, uns 200 millóns de euros de ingresos cada ano. Estas políticas, engadiu, sosteñen o Plan Forestal de Galicia, que definiu como unha iniciativa que ten o máximo consenso.

CRÍTICAS DO BNG

En fronte, a deputada do BNG María González Albert alertou dunha "situación de boom" de plantacións de eucaliptos, unha problemática ante a que ningún representante político da Xunta "saíu ao paso para avanzar medidas de solución".

"Se non lle consta, búsquese outro traballo. Como non lle vai constar? cónstalle e miran para outro lado", asegurou a parlamentaria do Bloque, que denunciou "conivencia" do Goberno galego con este tipo de plantacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta