A Xunta, a prol dunha intervención temporal de Alu Ibérica

Considera que pode facilitar a entrada dun investidor solvente cun proxecto a longo prazo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/04/2021 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou que a Xunta está aberta a unha intervención temporal de Alu Ibérica por parte da SEPI para facilitar a entrada dun investidor solvente cun proxecto a longo prazo.

Decenas de persoas con bandeiras de sindicatos e fume durante unha manifestación convocada por varios sindicatos 'en defensa do emprego, por un futuro industrial, contra a represión sindical en Alu Ibérica', na Coruña
Decenas de persoas con bandeiras de sindicatos e fume durante unha manifestación convocada por varios sindicatos 'en defensa do emprego, por un futuro industrial, contra a represión sindical en Alu Ibérica', na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

En resposta a unha pregunta formulada no pleno da Cámara polo deputado do BNG Ramón Fernández, Conde asegurou que a Xunta "estivo, está e estará" cos traballadores e lembrou que solicitou ao Executivo central que colabore coa xustiza para aclarar os feitos realizando unha auditoría técnica e financeira, tal e como piden os traballadores, e que cumpra os seus compromisos para fiar un prezo eléctrico e competitivo.

O vicepresidente económico asegurou que a Xunta está aberta á intervención temporal da planta por parte do Goberno, a través da SEPI, para facilitar a entrada dun investidor solvente xa que pechar a planta sería "un contrasenso" por tratarse dun sector estratéxico para a economía galega.

Por iso, volveu pedir a convocatoria da mesa industrial xa que, conforme indicou, non se sabe nada dos fondos comprometidos para garantir a reactivación da actividade na Coruña máis aló de xuño. Neste sentido, considerou que este encontro debería servir para que as empresas expliquen se se están cumprindo os compromisos.

Pola súa banda, o parlamentario do Bloque advertiu de que a situación da fábrica "non pode ser peor" e resúmense nos "incumprimentos sistemáticos das condicións" por parte do Grupo Risco. Por iso, preguntou á Xunta polas medidas previstas para preservar o emprego e a produción.

DEMANDA DO COMITÉ

Ademais, este mesmo mércores, o presidente do comité de empresa da planta da Coruña, Juan Carlos López Corbacho, destacou o apoio de PP, PSdeG e BNG á súa petición dunha intervención "puntual e temporal" da fábrica para dar unha "viabilidade" á mesma, tras unha reunión coas portavoces destas formacións na Comisión de Industria.

Tras un encontro celebrado en Santiago, valorou as palabras trasladadas neste sentido polo conselleiro Francisco Conde na súa intervención no Parlamento galego e o apoio, segundo dixo, nas reunións cos representantes na Comisión de Industria.

"Calquera medida para dar unha solución", reclamou Corbacho ao pedir garantías de futuro para a planta e para o emprego. Ademais, expuxo que esta é a demanda que trasladarán conxuntamente cos representantes da planta de Avilés na mobilización que este xoves levarán a cabo en Madrid, ante o Ministerio de Industria, entre as que estará tamén a petición de que se convoque a mesa industrial de face a lograr acordos que permitan a continuidade de ambas as plantas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta