A Xunta anuncia 8 millóns de euros en axudas para as escolas infantís privadas

A cifra supón unha ampliación de crédito de 750.000€ con respecto á anualidade anterior

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2021 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social publicou este xoves no DOG unha ampliación de crédito de 750.000 euros para os anos 2021 e 2022 das axudas destinadas ao funcionamento das escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social, para facer fronte á demanda de solicitudes para a gratuidade do segundo fillo e sucesivos.

Segundo lembra a propia orde, a partida global de axudas incluía un orzamento inicial de algo máis de 7,5 millóns de euros para esas anualidades, aínda que prorrogable no caso de que existise crédito dispoñible e houbese necesidade. Con todo, "dada a insuficiencia de crédito da Orde de 30 de decembro de 2020 para facer fronte ao importe que supón atender todas as solicitudes presentadas e vista a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa, parece oportuno incrementala para atender todas as solicitudes presentadas", recolle o texto publicado no Diario Oficial de Galicia.

Con este incremento, preténdese dar cumprimento a un dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia, que é facilitar á cidadanía o acceso a recursos de educación infantil de calidade, dado que "constitúen un alicerce esencial para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral". A Xunta non fai fincapé, porén, no carácter privado das organizacións que administran estes servizos. O paquete de axudas, dirixidas ao sostemento dos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e á mellora da súa calidade, consta de dúas liñas: unha para financiar os gastos de mantemento destes centros e outra para compensarlles pola aplicación dunha bonificación do 100% do prezo correspondente á atención educativa de segundos fillos e sucesivos.

En concreto, segundo confirmaron fontes de Política Social a Europa Press, esta ampliación de crédito dá resposta á boa acollida da gratuidade de centro para segundos fillos e sucesivos. Do importe inicial destinado en 2021 --4,6 millóns de euros--, chegarase aos 5 millóns. Esta axuda beneficiará a 50 escolas infantís de iniciativa social, que suman 2.800 prazas.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, en rolda de prensa
A conselleira de Política Social, Fabiola García, en rolda de prensa | Fonte: Xoán Crespo - Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta