Temas: FESAN

A Xunta subvenciona un curso de baile a fundación de "estudos e ánalises"

A CIG-Administración denuncia que a FESAN non realiza "ningunha actividade de promoción cultural" e critica que teña recibido numerosas axudas da Xunta para diversas actividades. Ironiza con que Presidencia destine 200.000 en convenios para a "elaboración e difusión de actuacións de difusión".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/10/2013 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

6.628,44 euros. Esa é a cantidade que acaba de recibir a Fundación de Estudos e Análises (FESAN) para realizar un curso de baile tradicional. O diñeiro, aportado pola Xunta, non é significativo en comparación co que esta asociación xa ten recibido do Goberno galego.

Sede da FESAN en Santiago nunha imaxe da CIG
Sede da FESAN en Santiago nunha imaxe da CIG

Segundo denuncia a CIG-Administración, FESAN é unha desas "consultoras omnipresentes" na Xunta que "vale para un roto ou para un descosido": tramitar expedientes de Traballo, xestionar escolas infantís, centros de día de persoas maiores, organiza accións formativas nos centros de formación profesional para o emprego, obradoiros itinerantes para o fomento do consumo de conservas, programas de turismo social, cursos de coperativismo... "todo a cambio de millonarios contratos de servizos preferentemente co departamento de Traballo e Benestar e tamén co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar", indica.

Por iso, chámalle a atención a este sindicato que no DOG do 01/10/2013 apareza na listaxe de subvencións concedidas a fundacións, asociacións e institucións culturais, para a realización de programas culturais en Galicia dunha nova axuda a FESAN, "vinculada co Opus Dei", di. "O que chama a atención é o concepto polo que a recibe: por unha subvención cultural".

Recibe "un montón de pasta"

Neste sentido, suliña que, a pesares de recibir esta subvención, a súa actividade primordial non está relacionada co desenvolvemento da cultura nun eido concreto e que "xa recibe un montón de pasta" da Xunta por outros contratos de servizos do máis diverso.

Na súa páxina web non aparece, ademais, as actividades de promoción cultural das que din que se subvencionan. "O único que se nos ocorre é que lle estamos a pagar as clases de baile que darán nos centros que tutelan e que deberían ser ofertadas por eles como servizos a comunidade. Iso por non dicir que hai suficientes indicios que apuntan cara un evidente favoritismo con esta empresa multidisciplinar", indican.

Críticas aos convenios de Presidencia

Por outra banda, tamén a CIG-Administración  denuncia outro convenio da Consellaría de Presidencia: "para a elaboración e difusión de actuacións de difusión e potenciación da sede electrónica da Xunta de Galicia"... "elaboración e difusión de actuacións de difusión... Non vos lembra isto ao Camarote dos irmáns Marx e a parte contratante da primeira parte", ironiza. En total, son máis de 200.000 euros para sete convenios con varias editoriais galegas.

Esta central sindical, que tamén critica o convenio asinado pola Secretaría Xeral de Medios, cos principias grupos de comunicación de Galicia por máis de medio millón de euros, di que estas axudas públicas teñen unha "dobre intencionalidade", por un lado, "a de mercar a liña editorial", e polo outro, "crear unha realidade orwelliana no noso país e que pareza que se está prestando un servizo público".

Temas: FESAN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta