O Comité de Empresa da refinaría rexeita o ERTE de Repsol e pide a Xunta e Goberno central que o freen

O grupo parlamentario socialista pide ao presidente da Xunta que explique se coñeceu as intencións da compañía na súa reunión co seu conselleiro delegado.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 15/04/2021 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

O Comité de Empresa da refinaría de Repsol da Coruña rexeitou o Expediente de Regulación de Emprego (ERTE) convocado pola empresa e, nunha reunión este xoves cos grupos parlamentarios do PSOE-PSdG e o BNG, instou á Xunta de Galicia a que colabore co Goberno central para que Repsol "reconsidere" os expedientes.

Reunión do comité de empresa da refinaría de Repsol na Coruña con representantes do PSOE
Reunión do comité de empresa da refinaría de Repsol na Coruña con representantes do PSOE | Fonte: PSOE.

O comité, segundo explicou, foi informado o pasado 8 de abril da intención de Repsol de aplicar este procedemento "por causas produtivas" a 212 traballadores do complexo industrial durante un período de seis meses.

En senllas reunións mantidas cos grupos socialista e nacionalista, "tras solicitar unha reunión cos tres grupos parlamentarios que conforman o Parlamento de Galicia", o comité expuxo as razóns polas que rexeitan uns ERTE que "non só terá un impacto nos traballadores de Repsol, senón tamén en todos os empregados das empresas contratistas que traballan coa refinaría, así como na sociedade e economía da contorna do complexo industrial, onde máis de 3.500 persoas veranse afectadas".

"Somos conscientes da situación económica que nos tocou sufrir, polo que os traballadores deste complexo industrial puxemos todo o noso esforzo e compromiso a disposición da compañía nos momentos de máis incerteza desta pandemia, pero non podemos compartir que Repsol utilice as arcas públicas para cargar parte dos salarios dos seus traballadores", explicou o comité, que tachou os ERTE de "atropelo contra os traballadores e a economía da comarca".

Ademais de colaborar para tentar que a empresa reconsidere a aplicación dos expedientes, o comité de empresa pediu á Xunta de Galicia e ao Executivo central que "garanta os investimentos necesarios para afrontar o proceso de transición enerxética e o mantemento da actividade e o emprego nas instalacións na Coruña".

PSDEG

Por outra banda, tras a reunión co comité de empresa da refinaría, o portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, emprazou á Xunta a implicarse con "cantas accións sexan necesarias" para que a compañía retire o ERTE.

O responsable socialista xa presentou unha serie de iniciativas en apoio aos traballadores nas que apelou á "responsabilidade social corporativa dunha empresa que está a gañar moito diñeiro na comarca" e recalcou que isto ocorreu "apenas un mes despois" de que o conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz, se reunise co presidente da Xunta para analizar as posibilidades de acudir aos Fondos Next Generation.

Neste sentido, Seco apelou á "solidariedade" do Goberno galego e reclamoulle a Núñez Feijoo que explique "se coñeceu naquela reunión as intencións da empresa para co seu persoal" e á compañía que "sente cos traballadores e busque alternativas de aforro sen ter que chegar a unha solución tan dramática".

O representante do grupo socialista indicou que o aforro que suporían estes expedientes na Coruña e Puertollano ascendería ao catro ou cinco millóns de euros, unha cantidade "testemuñal" para as contas que manexa a empresa que, segundo detallou o portavoz socialista, tivo uns beneficios netos de 600 millóns de euros en 2020, "pese ao contexto de covid-19", co que reduciu a súa débeda neta en 1.178 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta