O SLG pide a Medio Rural manter as axudas para paliar o impacto da covid-19 no agro

O Sindicato Labrego Galego tamén pide máis participación das organizacións agrarias no Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/04/2021 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) pediu á Consellería do Medio Rural manter as axudas para paliar o impacto da covid-19 no agro e máis participación das organizacións agrarias no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia.

Un home traballa nunha leira na provincia de Lugo
Un home traballa nunha leira na provincia de Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Sinala que o pasado 14 de abril tivo lugar a reunión do comité de seguimento do citado plan e que nela se propuxo unha modificación do mesmo, en concreto a prórroga para o período 2021-2022 e a incorporación dos fondos do Instrumento de Recuperación da UE ao PDR.

O SLG apoia o mantemento ou ampliación de fondos "para medidas e submedidas que son básicas para os distintos sectores (incorporacións, axudas zonas de montaña e outras zonas con limitacións específicas, plans de mellora) e coa nova convocatoria tanto para as axudas agroambientais como para as axudas de conversión e mantemento da agricultura ecolóxica".

Con todo, engade que as mesmas deberían convocarse xa este ano "xa que hai granxas que levan anos esperando por esta convocatoria e para elas sería moi importante aproveitar xa este exercicio".

Por outra banda, solicita que se manteñan as axudas excepcionais temporais para paliar as consecuencias da covid-19 e advirte que a situación está a ser "mala" ou "moi mala" en determinados sectores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta