O BNG avanza unha "ofensiva" de iniciativas parlamentarias para cambiar o modelo de residencias

Denuncia os obstáculos do Goberno galego para que os parlamentarios accedan á información das residencias de maiores.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/04/2021 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

O BNG anunciou unha "ofensiva" de iniciativas parlamentarias co obxectivo de cambiar o actual modelo de residencias de maiores para avanzar cara a un "público" ante o que considera unha intención da Xunta de "pasar páxina" do ocorrido nestes centros durante a pandemia. Así o avanzaron o deputado Iago Tabarés e a viceportavoz parlamentaria da formación, Olalla Rodil, quen denunciou que a Xunta "obstrúe" o traballo de control parlamentario.

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, e o deputado Iago Tabarés
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, e o deputado Iago Tabarés | Fonte: Europa Press.

En concreto, sobre este asunto, Tabarés criticou os obstáculos do Goberno galego á hora de facilitar o traballo dos parlamentarios para acceder á información das residencias de maiores. "Esa información é denegada ou remitida de forma parcial", censurou.

"As irregularidades detectadas e comprobadas polos deputados do BNG apenas son unha pequena parte", sostivo Rodil, que explicou que o Bloque solicitou máis documentación para continuar consultando o ocorrido nestes centros durante a pandemia.

Para a parlamentaria, as "dramáticas" consecuencias dun modelo de residencias privatizado como en Galicia, onde "oito de cada dez prazas son privadas", converte o "dereito a unha vellez digna" nun negocio de empresas que "pon por diante de calquera outro aspecto o incremento dos seus beneficios".

Ante esta situación, explicou que a súa formación rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias a través das que piden incrementar as inspeccións dos centros, así como que o Consello de Contas fiscalice as residencias galegas privadas e concertadas.

AUMENTO DO NÚMERO DE INSPECTORES

Iago Tabarés esixiu que se aumente o número de inspectores na Consellería de Política Social ao asegurar que, na actualidade, só hai 14 para toda Galicia.

"Non existe unha inspección e control real, nin periodicidade fixada para que o servizo de inspección visite as residencias", censurou o deputado, que denunciou que "tampouco se abren procedementos sancionadores".

INVESTIGACIÓN

Os nacionalistas tamén reclaman unha investigación por parte da Xunta sobre o ocorrido nestes centros para avaliar a xestión pero tamén para "garantir xustiza e reparación ás familias das persoas falecidas".

Así mesmo, esixen "a publicación inmediata dos datos da pandemia desagregados por centros" e que os casos de vulneración de dereito sexan derivados de oficio ao Ministerio Fiscal.

"No BNG temos claro que non é o momento de pasar páxina, senón todo o contrario, esixir social e publicamente, con máis contundencia se cabe, un cambio no modelo de residencias e de atención aos nosos maiores", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta