A Deputación da Coruña asina dous convenios para a atención a visitantes dos dólmenes de Dombate e Cabaleiros

O presidente provincial tamén asinou outro acordo co alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, segundo o cal a Deputación achegará algo máis de 3.800 euros para financiar o servizo de atención e información a visitantes do Dolmen de Cabaleiros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2021 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou este venres senllos convenios de colaboración para financiar actividades e o servizo de atención a visitantes dos dólmenes de Dombate e Cabaleiros.

En concreto, González Formoso asinou un convenio co alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, a través do cal o concello continuará xestionado este 2021 o servizo de atención de visitantes e as diferentes actividades culturais que se desenvolven no conxunto megalítico de Dombate.

Pola súa banda, a Deputación achega 60.000 euros para o financiamento de actividades tales como visitas guiadas, visitas escolares, talleres de prehistoria dirixidos a mozas, encontros teatralizados, xornadas, charlas, presentacións, rutas cicloturísticas ou noites de observación de estrelas, entre outras.

Ao longo dos anos, a deputación realizou numerosas actuacións encamiñadas á protección, conservación, rehabilitación, musealización e posta en valor do dolmen, que forma parte do patrimonio histórico-artístico da entidade provincial, destacando accións como a construción dun edificio para a idónea protección do dolmen e outro para a musealización e recepción de visitantes.

DOLMEN DE CABALEIROS

Por outra banda, o presidente provincial asinou outro acordo co alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, segundo o cal a Deputación achegará algo máis de 3.800 euros para financiar o servizo de atención e información a visitantes do Dolmen de Cabaleiros.

O servizo funcionará desde o 1 de xullo ao 30 de setembro, estando aberto o punto de atención os sábados, domingos e festivos en horario de 11,00 horas a 19,00 horas. As visitas guiadas ao espazo son de carácter gratuíto.

González Formoso. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
González Formoso. DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta