Universidade e Colexio de Xornalistas cargan contra o tratamento mediático da morte de Asunta

Ante as filtracións 'off the record' constantes, a violación da presunción de inocencia e a falta de respecto á privacidade das persoas.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 03/10/2013 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O tratamento mediático do asasinato da nena de 12 anos en Santiago segue marcado por constantes filtracións 'off the record' de indicios da investigación que ao final, en moitos casos, non se confirman. Por poñer algúns exemplos: unha herdeira universal que ao final non o era, unha análise do ADN dun cigarro que nunca se fixo ou unha nai traumatizada por ser filla adoptiva cando en realidade só fora produto dunha xestación de risco.

Algúns medios tamén están a abordar a morte de Asunta basterra cun inusitado sensacionalismo. Por exemplo, dando por culpábeis aos que unicamente están imputados,  publicando imaxes da menor falecida ou outorgando espazo a declaracións dos familiares dos imputados que pouco aportan ao caso máis que morbo.

Ante estas evidentes eiva, incluso unha profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación, a filóloga Carme Hermida, dixo que ía pedir o traslado para non dar clase a alumnos que considera acabarán sendo profesionais do morbo.  

Ante esta situación, a Facultade de Ciencias da Comunicación e o Colexio Profesional de Xornalistas reaccionan cun comunicado non que piden aos informadores que contrasten ben as súas fontes e respecten a privacidade e a presunción de inocencia.

Velaquí o comunicado completo:

A Garda Civil investiga no lugar dos feitos
A Garda Civil investiga no lugar dos feitos | Fonte: TVE

Os acontecementos sucedidos recentemente en Santiago de Compostela relacionados coa morte de Asunta Basterra provocaron unha importante reacción colectiva de repulsa.
Os medios de comunicación e os xornalistas teñen como función informar, interpretar e opinar sobre os feitos noticiosos. Polo tanto, tanto desde a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago como desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, reivindicamos a obriga da información veraz, obxectiva e imparcial para que os medios de comunicación poidan trasladar ao conxunto da sociedade toda a información relevante relacionada co caso.

Para lograr o éxito nesta tarefa é imprescindible recuperar os elementos que garanten a calidade informativa, como a veracidade das fontes, o seu contraste, a oportunidade da información e os límites impostos polo dereito á privacidade, á propia imaxe e a presunción de inocencia. Por iso, e especialmente nos momentos nos que se produce unha situación informativa como no caso Asunta Basterra, é imprescindible apelar ao compromiso coa sociedade tanto dos profesionais coma dos editores dos diferentes medios, ben sexan en papel, en televisión, en radio ou en internet.

A Facultade de Ciencias da Comunicación e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia son conscientes que durante estes días houbo importantes eivas na calidade informativa que obedecen a distintas causas. Estas dúas entidades non teñen capacidade para decidir as políticas editoriais dos medios de comunicación, pero si é a súa obriga facer un chamamento á responsabilidade dos editores e das fontes informativas para que non se desvirtúe o fin último do xornalismo que é garantir o dereito á información veraz e á opinión libre. Do mesmo xeito, tamén debemos apelar á profesionalidade, ao respecto dos códigos deontolóxicos e ao bo traballo das ducias de xornalistas que se enfrontan ante a dura tarefa de informar dun suceso tan dramático.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

3 Aturuxador

Onte no programa nocturno de V Televisión os xornalistas Xurxo Melchor e Fran Espiñeira (que debería facer réxime) dedicáronse a insultar e menosprezar ao Presidente do Colexio de Xornalistas. Descualificárono con expresións de que tiña frustración por non traballar en La Voz, incrible que quixera traballar nese xornal, cando TVE lle pagaba o dobre ou que fora despedido da canle pública nun ERE, cando deixo a televisión por xubilación anticipada coma moitos outros profesionais. Espiñeira e Melchor defenderon a capa e espada o nefasto papel desenvolvido polo xornal oficialista coruñés no triste suceso de Compostela. Algo máis?.

1 Si te cuentan que caín

E non só iso, se vos fixades no Melchor este -un iluminado de manual que non pasa de xuntaletras- fala en todo momento por boca do xuíz, aínda que intente agochalo detrás de "fuentes de la investigación" e tal. Do Espiñeira non vou dicir nada, que todo se sabe... só unha cousa: os barrigas agradecidas non adoitan ser moi amigos de facer réxime!

2 Si te cuentan que caín

Isto queda nun simple brinde ao sol porque non citan medios concretos. Non se fala, por exemplo, do aberrante papel que está a xogar La Voz en todo este tinglado coa complicidade do "xuíz" Caín, que lles filtra en tempo real toda a mala literatura que é capaz de inventar este homiño. Agardo que os imputados/as sexan finalmente inocentes e se proceda ao peche deste "medio de comunicación" e á expulsión deste elemento da carreira xudicial!

1 vadis

Eu non chego a tanto, pero o papel que está a xogar a Voz é vergoñento, repugnante, e me quedo sen (des)calificativos.

2 Galego2

Lamentablemente estou de de acordo con ámbolos dous comentarios. Todo o que se está a sair nos medios e lamentable e putrefacto.

1 paspallás

Carme Hermida, concelleira do BNG que agora está en ANOVA, olvidou dicir que a súa materia tiña 6 alumnos matriculados. A súa decisión queda moi ben de cara á galería, pero a efectos prácticos non serve absolutamente de nada e non vai cambiar nada.