Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2021 | Actualizada ás 10:29
A Axencia Tributaria de Galicia reforzará as canles de información e asistencia aos contribuíntes e mellorará as formas de pago a disposición dos cidadáns a través do plan de control que publica este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG).
Composto polas directrices xerais de actuación e polos plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación, este documento fixa as liñas de actuación e os obxectivos.
Como novidade no ámbito do control, o plan deste ano inclúe novos apartados no ámbito de información e asistencia. E é que a axencia vai redeseñar o seu portal web para facelo "máis sinxelo e intuitivo", segundo destaca a Consellería de Facenda.
Tamén iniciará os trámites para crear un centro de atención virtual que se dedicará exclusivamente á atención e asistencia dos contribuíntes por medios electrónicos ou telefónicos e que se sumará ás oficinas tradicionais de atención presencial.
Por outra banda, seguirá "potenciando" a administración electrónica e "avanzando" na universalización do pago en liña con cartón, a coñecida como TPV virtual, e no pago mediante domiciliación bancaria.
Tras universalizar o ano pasado que calquera cidadán puidese abonar en liña todos os ingresos xestionados pola axencia, para non ter que desprazarse ás oficinas bancarias, este sistema tamén se implantará agora de forma presencial no cinco delegacións territoriais. Ademais, estenderase a posibilidade de realizar o pago mediante cargo en conta e domiciliación bancaria nas presentacións telemáticas de taxas e prezos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.