Gas natural, a guerra que implica á Xunta: "non é unha enerxía limpa, como nos queren facer crer"

Ecoloxistas en Acción mostra a súa "preocupación" polo aumento do consumo deste gas en Galicia, e responsabiliza á Xunta: "é un dos principais accionistas de Reganosa", apuntan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O movemento ecoloxista galego continúa na súa loita pola implantación dun modelo de enerxía limpa e renovable na Comunidade. Nos últimos meses, as moitas plataformas que configuran este tecido verde veñen de se mobilizar contra as centrais eléctricas; en particular a das Pontes, o maior punto de contaminación de Galicia en 2020 por detrás de Alcoa. 

Central de Reganosa en Mugardos (A Coruña). REGANOSA - Arquivo
Central de Reganosa en Mugardos (A Coruña). REGANOSA - Arquivo

Porén, e coa fin das térmicas cada vez máis asegurada, o foco do movemento ecoloxista vén de centrar nun novo inimigo que, en moitos casos, non conta cunha connotación tan negativa como o carbón: o gas natural, ou “gas fósil”, como o denominan dende Ecoloxistas en Acción. A asociación denuncia que, “en contra do que queren facer crer desde o sector gasístico, o gas fósil non é un combustíbel limpo”.

A plataforma amosa a súa “preocupación” ante o aumento disparado do consumo de gas natural en Galicia, que dende 2015 se viu incrementado nun 62%, segundo datos da organización. Este incremento, que segundo destacan vén motivado polo “desexábel colapso do carbón”, ten tamén que ver cun “atraso” no desenvolvemento das renovables e unha dependencia de Galicia co gas que ameaza con se prolongar no tempo.

Segundo destacan dende a plataforma, este gas “que nada ten de limpo ou verde e que contribúe a agravar a crise climática” conta con bo futuro en Galicia polo “sobredimensionamento” das súas estruturas na Comunidade. Ecoloxistas en Acción sinala de xeito concreto ao caso da regasificadora de Mugardos, de Reganosa, na que, segundo destacan está a descargar gas natural licuado de “fracking”.

UNHA ESTRUTURA "SOBREDIMENSIONADA"

“O gas fósil consumido en Galicia é importado a través da rede de gasodutos do Estado e, sobre todo, da planta regasificadora de Reganosa en Mugardos, incomprensibelmente localizada no interior da ría de Ferrol. O sobredimensionamento da infraestrutura gasística e o afán por rendibilizala son un atranco evidente para a transición enerxética rápida e xusta que necesitamos perante a emerxencia climática”. 

Planta de Reganosa en Mugardos
Planta de Reganosa en Mugardos | Fonte: www.gnlglobal.com

Esta denuncia da plataforma verde iría tamén dedicada á Xunta de Galicia, que segundo sinalan comparte a pretensión de "alongar a vida de Reganosa". "A Xunta, ao tempo que renuncia a participar nun desenvolvemento das enerxías renovábeis baixo criterios ecosociais mediante unha empresa pública, é un dos principais accionistas de Reganosa", explican. 

De acordo coa plataforma, o gas fósil representa xa un 20% de toda a enerxía importada en Galicia, superando en 2019 “por primeira vez o carbón”, ao que está a substituír parcialmente na produción eléctrica. Ecoloxistas en Acción advirte que este modelo “non representa unha solución climática real, máis aínda se temos en conta que Reganosa está a recibir gas natural licuado (GNL) de “fracking” de EEUU, cunha pegada de carbono que mesmo pode chegar a ser superior á do carbón”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta