Santiago rehabilitará un palacete histórico en estado de ruína por 1'5 millóns de euros

O futuro do edificio, unha vez restaurado, segue no aire.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2021 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este luns a licitación da rehabilitación do edificio do palacete situado na Finca do Espiño que, xunto coa dirección de obra, contará cun orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros. Así o explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que precisou que o futuro destino do palacete unha vez restaurado "irase decidindo". "Inicialmente falábase dun edificio institucional con determinados usos, pero xa iremos vendo que uso se lle dá", resolveu.

Do mesmo xeito, a reunión do goberno compostelán aprobou a licitación do servizo de limpeza e recollida de lixos para os próximos 10 anos, cun importe total de 104 millóns, e deu luz verde a destinar case 900.000 euros á rexeneración asfáltica de 20 rúas. Adicionalmente, aprobouse a cesión da parcela situada entre as rúas Roma e Londres á Xunta para a localización do novo edificio do Imelga, unha instalación que xerou algunhas protestas veciñais nas últimas semanas.

REPARTICIÓN DE REMANENTES

Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou a modificación orzamentaria que fai referencia á distribución dos remanentes do pasado ano e que levarán a pleno ordinario o próximo 29 de abril. Tal e como detallou o propio alcalde o venres, a proposta aprobada inclúe que os case 2,5 millóns de euros de remanente dividiranse en 1.004.000 euros para comercio, outros tantos para hostalaría, 300.000 euros para o financiamento dos bonos de compra e 150.000 euros para actividades de promoción comercial.

A estas cantidades habería que engadir o millón de euros de achega da Deputación (repartido a partes iguais entre o sector comercial e o hostaleiro); e as contías procedentes do remanente de 2019 (400.000 euros para o comercio, 243.105 para a hostalaría e 454.992 euros para o sector cultural). Ademais, o orzamento de 2021 completa algúns epígrafes ao sumar 150.000 para o bono parking, 50.000 para actividades de promoción e 150.000 euros de axudas para a cultura.

O cómputo global suma máis de 5.200.000 euros, dos cales máis de 3.600.000 euros destinaranse a axudas directas aos sectores comercial (1.904.000 euros), hostaleiro (1.747.105 euros) e cultural (604.992 euros). As bases que rexerán a convocatoria destas axudas directas están xa preparadas e acordadas coas asociacións de comerciantes e de hostalaría, dixo Bugallo, e "sairían inmediatamente despois" da aprobación da proposta polo pleno municipal, se esta prodúcese.

Palacete ruinoso na Finca do Espiño, en Santiago de Compostela
Palacete ruinoso na Finca do Espiño, en Santiago de Compostela | Fonte: planetainquietante.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta