Concellos da Costa da Morte recibirán reforzos económicos da Deputación da Coruña para o servizo no fogar

O presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, destacou que os SAF "son un servizo esencial para garantir a atención aos maiores e dependentes nos concellos máis pequenos".

Por E.P. | A CORUÑA | 19/04/2021 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña incrementou este ano de sete a oito millóns de euros o orzamento do Programa de Servizos Sociais Comunitarios, "o que permite reforzar os programas de protección social dos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia e axudarlles a facer fronte aos efectos da pandemia".

Así o informa coincidindo coa visita que o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, fixo ao concello de Fisterra, onde xunto co alcalde, José Marcote, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, participou nunha reunión coa traballadoras da área social e do servizo de axuda no fogar (SAF) do municipio.

González Formoso destacou que os SAF "son un servizo esencial para garantir a atención aos maiores e dependentes nos concellos máis pequenos" e explicou que o apoio da Deputación permite aos municipios da provincia contratar durante este ano a 180 profesionais especializados no campo social e financiar 368.548 horas de axuda de fogar, 77.000 máis que o ano pasado.

No caso das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte, a Deputación inviste este ano máis de 4 millóns de euros en reforzar os servizos sociais. Deles 2,4 millóns proceden do Fondo Social do Plan Único e 1,6 millóns do Programa de Servizos Sociais Comunitarios, que permiten a contratación de 35 profesionais e a prestación de case 75.000 horas de axuda no fogar.

Por outra banda, a Deputación da Coruña e o Concello de Carnota financiarán con case 170.000 euros as obras para converter a contorna do campo de fútbol de Lariño nun gran espazo de lecer acorde ao valor paisaxístico e ambiental da zona especial de conservación (ZEC) Monte e Lagoa de Louro onde se atopa.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na súa visita a Fisterra xunto ao alcalde, José Marcote. TORRECILLA
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na súa visita a Fisterra xunto ao alcalde, José Marcote. TORRECILLA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta