Paisaxe poética desde o Ático

Arsenio Iglesias Pazos fai en 'Ático' un percorrido narrativo, con algún alustre lírico, confeccionado unha obra que induce no lector un determinado estado poético. Crítica de Xosé Manuel Eyré.

Por Xosé M. Eyré | Vigo | 08/10/2013 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

Título: Ático

Arsenio Iglesias Pazos
Arsenio Iglesias Pazos

Editorial: Positivas

Con Ático, o poeta de Fene Arsenio Iglesias Pazos facíase co Avelina Valladares de 2006, mais por diversas razóns, que nada teñen que ver coas calidades do texto, é agora que ve a luz. O poemario resulta sorprendente por varias razóns que a continuación imos debullar.

A  primeira delas é a súa cativa extensión, aínda máis tendo en conta que é título vencedor nun certame poético. E sen ter en conta que nos últimos tempos xa se contan varios poemarios que exceden as cen páxinas ou se lle aproximan, sería inxusto, moi inxusto pois é poemario de sete anos atrás. Mais aínda así son 21 poemas, distribuídos tres partes  e acupando un total de 50 páxinas. Evidentemente isto nada ten que ver coas calidades do poemario, como é lóxico, mais decidímonos a escribilo porque tamén queremos indicar que se trata dun título moi acaído para a iniciación na lectura de poesía actual, para a iniciación na lectura e tamén na escrita,  o que non deixa de ser un aspecto sumamente interesante.

Sen dúbida, o que lle proporciona ese interse para a iniciaicón tanto da lectura poética coma da súa escrita, redica no feito de que  o que nel se le, o  que nel se escribiu, non é o que habitualmente entendemos por poesía –e dicímolo aínda tendo en conta que a poesía actual resulta bastante difícil de definir, pois acepta como propias practicas escriturais alleas ou non contempladas polos cánones poéticos. Son xa moitas as veces que nos temos referido a títulos aparecidos en coleccións poéticas e que en realidade non son poesía, e este é outro caso máis. Porén non quere isto dicir que Ático con contemple valores literarios salientábeis. Nin moito menos.

Cando un se pon a ler e atopa personaxes e se dá conta de accións que levan a cabo esas personaxes, o máis seguro é que teña diante exemplos de narrativa e non  de poesía. Como aquí sucede. Maite, Sara, Daniela, a nai da voz poética, a propia voz poética, ou mesmo ático, velaí... Porén, se un se detén un chisco na reflexión sobre o lido, achará que eses exemplos narrativos, esa narrativa escrita en verso, sempre, absolutamente sempre deixa un pouso poético innegábel. De xeito que o feito poético reside máis no lector que no texto, o texto só é un axente provocador dese pouso, dese feito poético. E velaí a razón pola que dixemos que era un título moi apropiado para iniciar na escrita poética, porque ensina como pasar da prosa (microconto, microrrelato) á poesía, ese feito diferencial, quen o atope estará moi preto de descubrir a esencia da poesía. E outro tanto sucede coa lectura.

Son textos, pois, fundamentalmente narrativos, con algún alustre lírico, confeccionados de xeito que induzan no lector un determinado estado ( ou feito) poético. Como dicimos. E non significa isto que sexa menor o seu valor literario. Só que os seus valores literarios deben ser observados nas marxes do canon xenérico, e mesmo fóra del.

Tematicamente pode describirse como a crónica dunha estadía (vacacional) no ático dunha das protagonistas. Logo da entrada no ático, sucédense tesxtos que contrapoñen o mundo dos desexos, da fantasía, das fábulas, á realidade. A necesidade de coñecerse, do coñecimento do outro, tamén a soidade (claro), moitas veces en esceas da vida doméstica, interiores dun ático, dun espazo que tampouco sería errado interpretalo como  metáfora da vida.  Tecnicamente, aliás da función indutiva comentada, é salientábel o afán de xogo co corpo e as partes do texto, de xeito que xa se alerta da pouca convencionalidade do poemario, aliás de proporciona algúns dos mellores momentos do poemario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eduardo Estévez

Gústame moito a recensión pero hai algo que discutiría: vexo unha contradición entre "como aquí sucede" (referido a estar diante dun exemplo de narrativa e non poesía) e "o feito poético reside no lector". O feito poético, así expresado, está, entendo eu, na lectura. E, se é así, entón onde está a narrativa? Porque, que é un texto literario "en si mesmo"? É algo un texto literario sen o proceso de lectura?